
A incubadora destinada ao transporte neonatal do Hospital Público de Valdeorras, no Barco, está “de novo operativa e en perfecto estado de uso despois da avaliación, na mañá de hoxe, polos enxeñeiros da empresa que certificaron a súa seguridade”, tal e como vén de informar a Xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco.
Así mesmo, indícase que, “aínda que nas últimos días emitiu un aviso de erro nunha das súas pezas, esta incubadora foi revisada e reparada de xeito inmediato polos técnicos do servizo de electromedicina da área sanitaria ourensá ata que no mañá de hoxe foi certificada a súa idoneidade polos enxeñeiros da empresa”.
A Dirección do Hospital Público de Valdeorras quere agradecer “o esforzo e a colaboración de todos os profesionais implicados, o traballo do servizo de electromedicina da área sanitaria, desexa tranquilizar á poboación, asegurando que en ningún momento estivo comprometida a atención nin a seguridade asistencial, e lamenta o alarmismo creado por diversos grupos políticos aproveitando unha situación puntual que foi resolta de xeito inmediato”.