A Xunta de Galicia vén de iniciar os traballos para repartir por aire 60 toneladas de palla para alimentar á fauna silvestre afectada polos incendios forestais do pasado verán. Segundo explicou a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, que esta mañá supervisou os traballos no concello de Carballeda de Valdeorras, un helicóptero encargarase de distribuír nas zonas de difícil acceso pacas xigantes de palla –de ata 200 quilogramos cada unha- para garantir unha fonte alimenticia de cara a este outono para os animais das zonas máis afectadas polo lume, principalmente especies de herbívoros e aves.
En concreto, para desenvolver esta técnica de helimunching utilizaranse unhas redes certificadas para o seu uso aeronáutico, que son compatibles co helicóptero portante. Así, nunha primeira fase realizáronse unha serie de voos de recoñecemento para identificar as mellores localizacións para realizar o reparto da palla. Tamén se identificaron os puntos necesarios para actuar como almacenaxe de pacas e plataformas de carga para os repetidos viaxes de transporte do helicóptero.

En canto aos puntos de reparto da palla, seleccionáronse aquelas contornas con masas de frondosas aínda verdes, presentes en valgadas e ladeiras de orientación norte, onde se pode refuxiar a fauna e cunha difícil accesibilidade polas elevadas pendentes ou os longos percorridos ata as zonas de aplicación. A previsión é actuar, ademais de en Carballeda de Valdeorras, nos concellos de Larouco, Chandrexa de Queixa, Vilariño de Conso, A Veiga, Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives e O Bolo.
Estes traballos aéreos complementan as tarefas que xa se veñen realizando nas últimas semanas de xeito manual en terra. Neste caso, repártense pacas de palla de menor tamaño, xunto con millo e outros cereais e pedras de sal. Polo de agora, lévanse repartido preto de 18.000 quilos de palla, máis de 4.000 quilos de cereais e preto de 600 quilos de sal naqueles puntos onde se prevé a posible presencia de ungulados.
