Novo suceso no Barco de Valdeorras. Na tarde deste xoves 13 de febreiro, o aviso dun menor no río Sil mobilizaba aos servizos de emerxencia.

Segundo fontes presenciais, o rapaz metíase no río (en nivel vermello por perigo de desbordamento tralas intensas e constantes chuvias) para coller un balón que lle caera mentres xogaba nas pistas deportivas, no paseo do Malecón. Antes de meterse no río sacaba as zapatillas, os calcetíns e a camiseta.
Ata o lugar acudían membros da Policía Local do Barco e do GES Valdeorras e un voluntario de Protección Civil que lle tiraba un flotador ao mozo, que permanecía subido a unha árbore xusto por riba da auga á espera dos bombeiros do parque comarcal para que o sacaran. Finalmente, con algo de frío pero en bo estado, o xove subía á ambulancia. Tamén acudía a Garda Civil.
Aparte dos amigos do xove o suceso causaba unha gran expectación.
Fotos e vídeo: O SIL.