
A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, apoia un proxecto de investigación sobre identificación varietal de oliveiras que ten como fin último a reprodución de exemplares autóctonos, centenarios e produtivos para a súa posta a disposición do sector, como planta certificada pola Xunta.
O director desta axencia, Martín Alemparte, mantivo hoxe unha xuntanza con responsables da cooperativa Proligal e da empresa aceites Figueiredo, para avanzar nesta iniciativa. Proligal está desenvolvendo o proxecto Oligalicia, un grupo operativo autonómico, xunto co Centro Tecnolóxico da Carne (Ceteca) -adscrito á Agacal-, coordinado pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), sobre diferentes aspectos da olivicultura galega.

Esta iniciativa permitiu xa, mediante unha primeira prospección, identificar un bo número de oliveiras centenarias e produtivas, das variedades brava e mansa. Agárdanse, así mesmo, os resultados dunha segunda prospección e está prevista unha terceira, no outono, que permitiría acadar arredor de 300 mostras que abranguerían a totalidade do territorio galego onde aínda se atopan este tipo de oliveiras.
O obxectivo final é posibilitar, nun futuro próximo, a posta a disposición dos produtores interesados dos exemplares reproducidos mediante estaquillado, como planta certificada co aval da Xunta. A Axencia Galega da Calidade Alimentaria acompañará e tutelará o proceso a través do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) e das súas estacións experimentais da Pobra do Brollón (Lugo) e Salceda de Caselas (Pontevedra).