
Restablécese a circulación ferroviaria na Liña de Alta Velocidade Madrid-Galicia despois de comprobar o “bo estado da infraestrutura e recibir a confirmación dos servizos de emerxencia de que a evolución dos incendios na provincia de Ourense permite viaxar entre Madrid e Galicia con plenas garantías de seguridade”, segundo Adif.
Desde que se cortou a circulación na liña de maneira indefinida pola proximidade do lume ás vías, o pasado 14 de agosto, Renfe puxo en marcha, en función da demanda, trens especiais que enlazaban Madrid con Zamora. “Así mesmo, informouse aos viaxeiros a través das canles oficiais, de cal era a situación en cada momento e, facilitouse a opción de cambios e devolucións sen custo nos billetes afectados pola supresión do servizo”, di Adif.
Os días con máis viaxeiros afectados foron o 14 e o 15 de agosto, cando estaban todos os billetes vendidos, algo máis de 10.000 viaxeiros cada un deses días. O resto dos días ata hoxe, ao cortarse a venda, o número de afectados con billetes comprado con antelación é moito menor. En total, os viaxeiros afectados pola suspensión foron máis de 50.000 nos 101 trens suprimidos.