
Con motivo da saída da etapa 17 da Volta ciclista a España, que sairá mañá día 10 arredor das 14 horas no Barco de Valdeorras, será preciso realizar unha serie de restricións de tráfico en diferentes zonas do casco urbano.
Tal como explican dende o Concello, desde esta tarde quedarán prohibidos os estacionamentos en varias zonas para garantir espazo á organización, equipos e resto de operativos que acompañan á Volta. Así, non se poderá aparcar o martes desde primeira hora da tarde e o mércores ata finalizar a proba, en:
– Avenida de Galicia e avenida Conde Fenosa, en todo o seu percorrido.
– Paseo do Malecón.
– Rúa Barco de Ávila.
– Contorna do Centro de Saúde.
Cortes de tráfico
E xa con respecto aos cortes de tráfico o mércores día 10, durante a mañá a circulación quedará prohibida:
– De 10 a 14:30 horas, corte total na zona comprendida entre o Hospital, Cedie e a rotonda da Proba, onde se concentrarán os autobuses e camións dos equipos.
– Paseo do Malecón, pechado entre a rotonda da rúa Ourense e o cruce de Pescadores, ocupado polos motoristas e vehículos da Garda Civil de Tráfico.
– Saída oficial da etapa, ás 14 horas á altura da rúa Conde Fenosa, 56. Será unha saída neutralizada ata a Avenida do Bierzo, rúa pola que seguirá a carreira ata enlazar coa N-120.
Colexios e transporte escolar
Ao coincidir co horario dos centros escolares, a Volta tamén afectará ao transporte escolar. “Os autobuses poderán acceder pola mañá para deixar aos nenos, pero a saída do centro escolar podería ter que retrasarse ata que se levanten as restricións de tráfico”.
Zonas recomendadas para circular e estacionar sen restricións
“Recoméndase estacionar os vehículos na zona da Estación de Autobuses e a piscina climatizada, con acceso directo desde a N-120 e continuar a pé ata os centros escolares, Hospital, Centro de Saúde, Facenda e outros servizos existentes na zona”.
Para acceder ao Barco desde a N-120 “recoméndase utilizar, segundo a dirección, a avenida Manuel Quiroga, Viloira, barrio de San Roque, rúa Carrúa, Os Nidos e A Rampa; ou acceder polo Parque Empresarial da Raña e Viloira”.