
Un ano máis, vén de poñerse en marcha na provincia o programa de saúde bucodental en atención primaria para nenos de “Mira que boca”. No caso de Valdeorras, neste venres impartíase no CEIP Condesa de Fenosa do Barco da man da hixienista dental Yolanda Fernández, do Centro de Saúde do Barco. Ademais o programa continuará o vindeiro 23 de xaneiro esta actividade formativa continuará no CEIP Julio Gurriarán e o mércores 28 de xaneiro no CEIP Manuel Respino ( A Rúa).
Esta actividade de saúde comunitaria desenvolverase con alumnado de sexto de infantil (nenos e nenas de 5 anos), cuarto de primaria e segundo de ESO.

“Mira que Boca” iniciouse en xaneiro de 2023, e forma parte das actividades de saúde comunitaria dos Servizos de Atención Primaria da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco, e que se ofertan aos centros escolares para fomentar os hábitos de hixiene bucodental entre os escolares.

Nos talleres, con contidos e metodoloxía adaptada aos alumnos de infantil e primaria, as profesionais das Unidades de Saúde Bucodental fan promoción dos hábitos de vida saudables, especialmente dunha dieta sana, evitando os alimentos azucarados e ultraprocesados, para evitar a carie, así como facilitando instrucións prácticas de hixiene oral, e de como realizar un bo cepillado dental, todo elo co obxectivo de convertelos en patróns de saúde de cara a súa vida.

“Hai que insistir na importancia do cepillado por parte dos nenos e dunha supervisión do mesmo polos pais ou dun adulto”, incide Yolanda Fernández, quen tamén resalta que hai que ter coidado coas “merendas que mandamos ao cole” e recomenda que os nenos beban só auga.
Finalmente, recomenda aos pais que leven aos seus fillos ás revisións do Centro de Saúde, para que dese xeito poidan beneficiarse das prestacións que lles cobre o Sergas.
Fotos cedidas.


