
No Concello de Quiroga vén de celebrarse unha xuntanza entre o alcalde deste municipio, José Luís Rivera, e o xerente territorial de Catastro, Luis Fernando Jácome. Tratábase dunha comisión de seguimento anual na que se analizaron as variacións dos valores catastrais neste último ano.
Na xuntanza abordábanse os trámites realizados nos últimos meses así como de que Quiroga foi o primeiro concello que adaptou todos os seus núcleos a zona urbana.
Tamén falaba sobre o cambio de uso ou cultivo que figura no rexistro catastral das fincas, que agora dende o Concello de Quiroga podese cambiar se así o solicita o propietario.
O Concello de Quiroga asinou a principios de ano un convenio coa Dirección Xeral de Catastro, para que os veciños poidan realizar determinados trámites sen ter que desprazarse a Lugo.
Dende o Punto de Información Catastral do concello levase tempo informando de temas relativos ao catastro, pero tras a firma deste convenio, para as persoas con propiedades dentro do municipio de Quiroga, expídense documentos catastrais.
Ademais, o Concello de Quiroga aprobaba no pasado mes de decembro en sesión plenaria a ordenanza fiscal reguladora da taxa por expedición de documentos relativos á acreditación catastral. A taxa que se cobra pola expedición deses documentos é a mesma que teñen que abonar directamente na Dirección Xeral de Catastro.