O salón de actos do Multiusos do Barco acollía na tarde do 29 de abril unha xuntanza coa cidadanía de cara a posta en marcha neste concello un proxecto para optimizar os diferentes recursos do municipio tanto en materia de política social, de consumo enerxético e de auga, e mesmo para determinar como xerar riqueza.
Así, O Barco será proxecto piloto dunha investigación sobre innovación e cohesión da Universidade de Deusto. O Eixo Atlántico encargou á Universidade de Deusto a elaboración do Mapa de Cohesión do Eixo Atlántico, co obxectivo de testar a situación de todas as cidades que integran o Eixo.
Unha vez finalizado este documento, o seguinte paso é a realización dun proxecto piloto nalgunha das cidades do Eixo. O ano pasado, fixéronse dúas experiencias, na Cámara de Santa María da Feira (Portugal) e no Concello de Ribeira, e este ano estase a realizar no Concello do Barco.
Así esta era a terceira xuntanza celebrada no Barco por este motivo, tras as realizadas con representantes políticos e técnicos do Concello, o 12 de febreiro, e a do 18 de marzo, esta vez con representantes de empresas, asociacións e entidades do municipio.
Fotos: A.R.