
A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, copresidía neste 6 de xullo xunto ao alcalde de Quiroga, José Luis Rivera, a Comisión Local de Seguridade, un encontro de coordinación no que tamén participaron representantes da Garda Civil co obxectivo de continuar fortalecendo a colaboración institucional en materia de seguridade cidadá.
Durante a reunión abordáronse distintas cuestións relacionadas coa prevención, a protección da cidadanía e a coordinación dos dispositivos de seguridade, incidindo na importancia da cooperación permanente entre todas as administracións para ofrecer unha resposta eficaz ás necesidades da veciñanza.

A subdelegada puxo en valor o labor que desenvolven as forzas e corpos de seguridade no territorio, especialmente en localidades máis pequenas, e reafirmou o compromiso do Goberno de España de seguir colaborando co Concello de Quiroga para garantir a seguridade e a convivencia.
