ConcellosQuirogaÚltima hora

Reunión da comisión mixta do Servizo de Atención Tempera situado en Quiroga

Trátase dun servizo agrupado dos concellos de Quiroga, Ribas de Sil, Folgoso do Courel, Bóveda, A Pobra do Brollón, O Saviñao, Pantón e Sober

 

O Servizo de Atención Temperá agrupado de Quiroga, Ribas de Sil, Folgoso do Courel, Bóveda, A Pobra do Brollón, O Saviñao, Pantón e Sober celebraba unha reunión ordinaria o pasado 31 de xullo no Salón de Plenos do Concello de Quiroga.

Tras a benvida do alcalde quirogués, José Luis Rivera, o concelleiro de Servizos Sociais e director do SAT agrupado de Quiroga, Xosé Manuel Fernández, fixo exposición e desenvolveu os diferentes puntos da convocatoria.

Os temas máis relevantes que se trataron, ademais de aprobar a acta da última reunión a finais de 2024, foron dar conta da Memoria de Servizo do pasado 2024, así como facer liquidación de contas da anterior anualidade subvencionable (2023-2024) e aprobar a contratación do servizo de Terapeuta Ocupacional coa entidade COGAMI para cubrir unha baixa laboral nesa especialidade durante tres meses.

Memoria SAT de Quiroga

De xeito resumido deuse conta de como evolucionou o servizo o pasado ano. O número de sesións de valoración subiu de 205 a 283, e o tratamento directo e individualizado con sesións de apoio para nenos/as e as súas familias pasou de 94 a 111 neste 2024 (58 nenos e 53 nenas).

“Os datos, pola dinámica destes últimos anos, reflicten aumento de usuari@s e polo tanto a necesidade de manter o número de profesionais e o nivel e calidade do servizo actual”, referiu o concelleiro de Servizos Sociais.

 

 

Por primeira vez realizouse unha xornada de Portas Abertas o 27 de xuño para dar a coñecer o servizo e facer actividades para nenos/as e familias que estaban ou estiveron no servizo. Este 2025 repetirase esta acción para principios de setembro.

Os concellos con máis usuari@s no 2024 foron O Saviñao (33,4 %) e Quiroga (28,8 %), e seguíronlle A Pobra do Brollón (9 %) e Folgoso do Courel (7,2 %). E as especialidades con máis demanda seguen sendo logopedia (39,28 %) e Psicoloxía (33,06 %).

Nas enquisas de satisfacción valórase moi positivamente ao persoal que ofrece o servizo e a evolución dos nenos e nenas, mentres que se refire como negativo algúns temas referidos ás instalacións, e nalgúns casos moi puntuais os desprazamentos.

En xeral, reflíctese que o servizo cumpre ben as súas funcións, que está moi ben valorado e os/as representantes dos concellos agrupados amosaron a súa satisfacción pola evolución do mesmo e polo importante apoio que representa para as familias.

 Liquidación do orzamento 2023 e contratación de terapeuta ocupacional

Liquidado o orzamento do Servizo de Atención Temperá agrupado de Quiroga da anualidade subvencionable 2023-2024, deuse conta do importe que corresponde afrontar con recursos propios ao non cubrir a totalidade da subvención concedida (167.023,28 €) o custe total do mesmo (169.845,85 €). Ese importe diferencial foi de 2.822,57 €, unha cantidade que non compromete as contas dos concellos e que resulta máis axustada en comparación co resultado da anterior anualidade subvencionable do 2022-2023. Daquela, o importe que quedou fóra da cobertura da subvención foi de 15.506,28 € cadrando esta liquidación orzamentaria coa entrada do actual Equipo de Goberno.

Así mesmo, a Comisión Mixta aprobou nesta sesión do 31 de xullo a contratación por tres meses dun servizo de Terapeuta Ocupacional coa entidade COGAMI. Contratación á que se recorre tras varias convocatorias públicas de emprego infrutuosas dende o Concello de Quiroga para cubrir unha baixa laboral de longa duración no SAT agrupado de Quiroga.

Back to top button