
Esta tarde tiña lugar en Ourense unha reunión da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, con representantes de máis de 30 municipios da provincia de Ourense con espazos naturais incluídos en Rede Natura para analizar o proceso para a solicitude de compensacións polos danos ocasionados pola vaga de lumes forestais deste verán. O encontro contou tamén coa participación do delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, entre outros representantes da administración autonómica.
No encontro a titular de Medio Ambiente referíase á posibilidade de solicitar axudas para restaurar infraestruturas de uso público que resultaran danadas en zonas da Rede galega de espazos protexidos e Reservas de biosfera.
Ante os danos ocasionados polos incendios, lembrou que, pensando nos veciños das zonas afectadas, o seu departamento ten aberta unha liña de axudas para recuperar infraestruturas de uso público localizadas en espazos protexidos que abranguen desde a reposición ou reparación de elementos estruturais de sendas e rutas sinalizadas; pasando polo arranxo de infraestruturas e instalacións de interpretación do medio natural; e, por último, pola restauración de elementos de áreas recreativas.
A titular de Medio Ambiente concretou que os montes veciñais en man común poden solicitar unha axuda por un importe máximo de 20.000 euros para afrontar este tipo de actuacións de reparación; mentres que os concellos teñen a posibilidade de optar a un máximo de 40.000 euros, neste caso, para subvencionar ata dúas actuacións.

Estes incentivos económicos para intervencións sobre o terreo en espazos protexidos compleméntanse coas achegas que Medio Ambiente ten previsto destinar a compensar aos titulares de Tecores para cubrir os gastos de sementeira de cereais en terreos afectados e para reparar e repoñer instalacións danadas (refuxios, comedoiros para animais, cercados…).
As dúas liñas de axuda están incluídas no paquete de medidas aprobado polo Goberno galego para impulsar a reconstrución das zonas afectadas polos lumes. Ángeles Vázquez insistiu no compromiso autonómico para paliar os danos producidos pola vaga de incendios e lembrou que as liñas de apoio non teñen límite orzamentario.
Simplificación nos procedementos de autorización
A reunión serviu para trasladar tamén aos responsables municipais as modificacións nos procedementos de autorización para actividades a desenvolver en Rede Natura. A titular de Medio Ambiente trasladou que se van simplificar a obtención dos permisos para facer rozas e queimas controladas.
En concreto, a Administración autonómica propón que, co correspondente permiso, se poidan facer lumes técnicos en Rede Natura entre marzo e maio. Tamén se elevarán os máximos de terreo que se pode rozar nos espazos protexidos baixo esta figura do 20% ao 30% da superficie de matogueira e o máximo no que se poden facer queimas pasará do 5% ao 10%.
A información facilitada por Medio Ambiente incluíu tamén a referencia ás facilidades que se queren introducir para que, por exemplo, as parcelas forestais sen aproveitamento non necesiten ningún tipo de autorización para volver ser cultivadas; así como que as talas necesarias para regresar ao uso agrícola non precisen avaliación ambiental nin outro papelame. Asemade, está previsto que os terreos que eran de uso agrícola non pasen automaticamente a uso forestal despois de 40 anos de abandono.
A xuntanza serviu tamén para que os responsables da Xunta coñecesen de primeira man as inquedanzas dos representantes municipais respecto da situación derivada dos incendios que afectaron a distintas zonas da provincia de Ourense.