PolíticaÚltima hora

Reunión de alcaldes mozos do PPdeG en Baños de Molgas

 

O PPdeG celebraba nesta fin de semana un encontro de traballo alcaldes mozos en Baños de Molgas, para poñer en valor os proxectos levados a cabo nos seus municipios. Ademais deles, tamén asistiron o responsable do Goberno galego de Presidencia, Xustiza e Deportes do Goberno galego e presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo; a responsable de Vivenda e Planificación de Infraestruturas do Executivo autonómico, María Martínez Allegue, e o presidente provincial do PP de Ourense, Luis Menor.

Os populares recoñeceron no acto o labor dos rexedores menores de 40 anos e o das novas xeracións do PPdeG en xeral, “que traballan a diario para mellorar a vida da veciñanza”. Así, fíxose referencia ao traballo feito polos alcaldes Ángel Pérez (Guntín), Gonzalo Louzao (A Estrada), Manuel Fernández Movilla (Baños de Molgas), Fernando Couce (Cabanas), Luis Insua (Fisterra), Pablo Graña (Xunqueira de Espadanedo), Álex Doval (Oroso), Melisa Macía (Vilariño de Conso), Pablo Barcia (Mondariz), Pablo Rivas (Portomarín), Jorge Cubela (Cerdedo-Cotobade), Esteban Ares (Lousame), María Sampedro (Ribeira), Rebeca Sotelo (Cenlle) e  Miguel González (Baralla).  Dende o PPdeG destácase tamén a “valentía” destes mozos “ao dar un paso adiante e asumir o compromiso por mellorar a vida da veciñanza”.

Manuel Fernández Movilla, alcalde de Baños de Molgas, exerceu como anfitrión. É un dos 15 alcaldes menores de 40 anos que ten o PPdeG en Galicia. No 2023 asumiu a alcaldía deste municipio con maioría absoluta e no 2027 “de seguro que seguirá mellorando a súa porcentaxe de voto”, incidiron os populres. Con 33 anos é o rexedor máis novo da provincia de Ourense e o terceiro en Galicia. 

 

 

Fernández subliñou o sentido destes encontros de traballo para “reforzar as relacións e dar resposta ás necesidades dos nosos veciños, especialmente no rural”. “Estou convencido de que, se seguimos traballando unidos, imos seguir avanzando e construíndo un futuro mellor para os nosos municipios e para os nosos veciños”, sinalou o alcalde de Baños de Molgas, poñendo en valor o “municipalismo” como unha das bases das políticas do PPdeG.

O presidente do PP da provincia de Ourense, Luis Menor, dirixiuse aos alcaldes novos como “piares” do partido, xa que se trata de candidatos “activos, dinámicos, con ganas de mellorar as cousas, pero por riba de todo con interese real por defender a súa terra”.  A política “sen ilusión é só xestión”, dixo o presidente dos populares ourensáns, apelando tamén a mesturar a mocidade coa experiencia. “Vivides o voso tempo, falades a linguaxe de hoxe e comprendedes as novas necesidades, pero mantede sempre ao lado aos nosos veteranos”, sinalou.

 

 

 

Back to top button