EconomíaEconomíaÚltima hora

Reunión de traballo da CEO e AEVA co subdelegado do Goberno en Ourense sobre a estrada N-120

Os presidentes de ambas organizacións empresariais trasladábanlle a Eladio Santos "a necesidade de acelerar as melloras nunha infraestrutura estratéxica para Valdeorras e para o conxunto da provincia"

 

A Confederación Empresarial de Ourense (CEO) e a Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA) mantiñan unha reunión de traballo na Subdelegación do Goberno en Ourense co subdelegado, Eladio Santos, para abordar a situación actual da estrada N-120 e coñecer a evolución das actuacións previstas nesta infraestrutura, “fundamental para a mobilidade de traballadores, empresas, transportistas e cidadanía, así como para a conexión de Valdeorras co resto de Galicia e coa Meseta”, segundo as organizacións empresariais.

No encontro participaban David Martínez Alonso, presidente da CEO, e Carlos Terán, presidente de AEVA, quen puxo sobre a mesa a evolución da N-120 durante o período 2024-2026. Desde AEVA sinálase a “necesidade de obter e analizar o grao de evolución nas actuacións da N-120, así como a obtención da información de primeira man por parte do subdelegado do goberno en Ourense, Eladio Santos”.

“Unha infraestrutura estratéxica para a actividade económica”

Para a CEO e AEVA, a N-120 transcende o ámbito estritamente viario. “Trátase dunha das principais arterias de comunicación para Valdeorras e dunha infraestrutura esencial para o funcionamento diario das súas empresas, o transporte de mercancías e os desprazamentos laborais”.

Por este motivo, ambas organizacións empresariais consideran importante “continuar avanzando nas actuacións destinadas a modernizar o trazado, mellorar a súa funcionalidade e facilitar os adiantamentos naqueles tramos nos que as características actuais da vía condicionan a mobilidade”.

Así mesmo, AEVA e a CEO valoran positivamente as actuacións de rehabilitación do firme que se puxeron en marcha durante os últimos meses, entre elas os investimentos destinados aos tramos da N-120 nas provincias de Ourense e Lugo. Tamén consideran de interese que estas intervencións de conservación se complementen “con solucións estruturais e cunha planificación a medio e longo prazo que responda as necesidades deste corredor”.

 

 

Neste sentido, enganden ambas entidades, “resulta especialmente relevante avanzar nos proxectos de carrís adicionais e de adiantamento entre Os Peares e Ourense, así como continuar impulsando a futura A-76 Ponferrada-Ourense, considerada unha infraestrutura estratéxica para mellorar as comunicacións de Valdeorras”.

A CEO e AEVA consideran “importante manter unha planificación estable dos investimentos que favoreza o avance das actuacións pendentes, co obxectivo de mellorar os tempos de desprazamento e dotar ao territorio dunhas comunicacións acordes coas súas necesidades económicas e sociais”.

Ambas organización amosan a súa disposición para colaborar coas administracións e a trasladar as necesidades do tecido empresarial, “co obxectivo común de avanzar cara a unha N-120 moderna, funcional e adecuada o volume de tráfico que soporta e ao papel estratéxico que desempeña para Valdeorras e para a provincia de Ourense”.

Back to top button