
A xornada de encontros do presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, na sede desta institución na Casa Grande de Viloira (O Barco) completábase esta tarde cun encontro coa Asociación Veciñal Aluveire de Quereño, pertencente ao concello de Rubiá.
Na reunión participaban a presidenta da asociación, Alma Rodríguez, así como o alcalde de Rubiá, Elías Rodríguez, acompañado polo tenente de alcalde, Ignacio Doce. O presidente provincial coñeceu o proxecto Viñotapeo Quereño 2026, unha iniciativa que se celebra de xeito anual e con éxito nesta localidade e que consiste nunha ruta de adegas con degustación de viños e tapas elaboradas con produtos típicos da zona.
Este evento combina de xeito festivo a promoción económica, o apoio aos produtores locais e fomento da convivencia social, nun exemplo do papel activo do tecido asociativo como motor de desenvolvemento no territorio.
Foto: A.R.