En portadaÚltima horaVídeos

Reunión do subdelegado do Goberno en Ourense con AEVA e co Barco CCA

Eladio Santos escoitaba as súas demandas e amosáballes as diferentes liñas de axudas que está publicando o Goberno central para as empresas

 

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, mantiña esta mañá unha xuntanza cos presidente e coas xerentes da Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA) e do Barco Centro Comercial Aberto.

 

 

No decurso da xuntanza, Santos explicábanlles as diferentes liñas de axudas que o Goberno central ten abertas e que poden beneficiar ao empresariado da comarca. En concreto, referíase a axudas en materia de contratación de determinados colectivos (xente moza, mulleres, parados de longa duración, etc.), cuxa convocatoria saía publicada o pasado 24 de xaneiro.

Así, o Ministerio de Traballo e Economía social, a través do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), destina a Galicia 13 millóns de euros para incentivar a contratación das pequenas empresas de colectivos específicos, como parados de longa duración, maiores de 52 anos, mulleres, persoas con discapacidade, xente nova, emigrantes retornados ou estranxeiros. Estas axudas tamén buscan o incremento da xornada pola que se realiza a contratación, o aumento da duración dos contratos e a creación de postos adaptados a persoas con discapacidade. A cantidade achegada polo Ministerio supón o 70% do total das axudas, que se complementa cun 30% da Comunidade Autónoma.

 

 

 

Kit Dixital e Kit Consulting

A estas liñas de subvencións súmanse os actuais programas Kit Dixital e Kit Consulting, que facilitan a pequenas empresas axuda económica destinada á súa dixitalización. Por unha banda, o Kit Dixital está dirixido a tres tipos de empresas, que van dos cero aos 50 empregados, na procura da mellora da súa competitividade mediante solucións dixitais como a presenza en Internet, xestión das redes sociais e clientes, comercio electrónico ou ciberseguridade. As axudas máximas oscilan entre os 2.000 e os 12.000 euros por entidade, en función do número de empregados.

No caso do Kit Consulting, o seu obxectivo é prestar unha axuda económica destinada á contratación de asesoramento dixital en materias como a intelixencia artificial, análise de datos, ventas dixitais, estratexia de negocio, ciberseguridade ou asesoramento 360.

Os beneficiarios poden obter unha contía que ascenda ata os 12.000 euros, no caso de empresas con entre 10 e 50 empregados; ata 18.000 euros, as que teñen de 50 a 100; e ata 24.000 euros, as entidades con entre 100 e 250 traballadores.

Estas dúas iniciativas supuxeron polo momento unha achega de 3.067 M€ no caso do Kit Dixital e outros 104 M€ do Kit Consulting, procedentes de fondos europeos, xestionados polo Ministerio de Transformación Dixital e Función Pública.

 

 

Ademais, o subdelegado aproveitou a xuntanza para recoller as inquedanzas e suxestións de AEVA en canto ao seu funcionamento, “xa que se trata dunha pequena asociación empresarial con problemas de sustentabilidade económica, polo que é importante atopar liñas de financiación para o persoal e os recursos cos que contan para levar a cabo o asesoramento ás empresas da comarca”, explicou.

Así mesmo, tamén tomou nota dos problemas ocasionados pola burocracia na tramitación de subvencións,. “Tórnase complexo para a pequena empresa, que ás veces ve pasar moito tempo entre a convocatoria e o momento no que realmente consegue acceder á axuda”, lamentou Santos.

A esta reunión acudiron a presidenta e a xerente de AEVA, Araceli Fernández e Teresa García, e o presidente e a xerente do CCA O Barco, Jacobo Arias e Ángeles Vispo.

 

 

A esta reunión acudiron a presidenta e a xerente de AEVA, Araceli Fernández e Teresa García, e o presidente e a xerente do CCA O Barco, Jacobo Arias e Ángeles Vispo.

 

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

 

Back to top button