ConcellosÚltima horaViana do Bolo

Reunión en Viana do Bolo para consensuar posibles usos do Mercado de Abastos

O grupo de goberno vianés fai dúas propostas: a creación dunha Casa da Xuventude ou o traslado do PAC a ese edificio

 

Os distintos representantes políticos municipais de Viana do Bolo mantiñan o 3 de xullo unha xuntanza co fin de consensuar a apertura do antigo edificio da Praza de Abastos e definir o uso que terá tras permanecer máis de dous anos reformado e sen actividade.

Dende o actual equipo de goberno vianés presentábanse dúas propostas pensadas para responder ás necesidades da nosa veciñanza. Unha delas é convertela nunha “Casa da Mocidade”, é dicir, “nun espazo de encontro para mozos e mozas de entre 11 e 16 anos, equipado con ordenadores, xogos de mesa, sala de proxección, televisión e outros recursos que fomenten un lecer saudable, a convivencia e actividades educativas nun ambiente seguro”, segundo o grupo de goberno.

A outra proposta exposta é a do “traslado do PAC ao edificio, mediante a cesión da súa xestión ao Sergas. Esta opción permitiría ofrecer un espazo máis amplo e independente para un servizo sanitario esencial, ademais de supoñer un aforro para o Concello ao asumir a Xunta de Galicia o mantemento do inmoble”.

Dende o grupo de goberno vianés incídese en que “o noso obxectivo é claro: abrir canto antes este edificio e poñelo ao servizo da cidadanía, dándolle un uso útil, de interese xeral e acorde coas necesidades actuais do municipio”.

Back to top button