OurenseÚltima hora

Reunión entre as plataformas Dereito ao Tren da Gudiña e Sanabria AV

Tren de alta velocidade na Estación Porta de Galicia, na Gudiña./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

As plataformas Dereito ao Tren (A Gudiña-Porta de Galicia) e a Asociación de Usuarios AVE Sanabria-Viajeros Jodidos (Sanabria-AV) veñen de informar, a través dunha nota de prensa, dunha reunión na que abordaron os seu retos compartidos. Ambas din que representan a “territorios rurais con estacións de alta velocidade situadas en zonas de montaña, cunha poboación moi dispersa e un acusado reto demográfico. No encontro sentaron as bases para coordinar accións conxuntas orientadas a recuperar un servizo ferroviario realmente útil para a cidadanía. Estas estacións foron construídas con fondos europeos, atendendo á necesidade de vertebrar o territorio. Os recortes actuais nos servizos ferroviarios contradin o espíritu do artigo 130.2 da Constitución Españonda, que establece a obriga de promover o desenvolvemento equilibrado das zonas de montaña e garantir o acceso aos servizos básicos”.

As plataformas reclaman “a recuperación inmediata das frecuencias eliminadas e a restitución dun servizo ferroviario que garanta o dereito á mobilidade e o acceso equitativo aos servizos públicos”. Como resultado deste encontro, ambas as organizacións acordaron “impulsar accións conxuntas e solicitar unha reunión urxente con RENFE para buscar solucións á falta de horarios útiles. Ademais, porán en marcha unha campaña pública para esixir o cumprimento das obrigas de servizo público que a operadora ten nestas estacións.
Así mesmo, valoraron diferentes formas de movilización conxunta ante a ausencia de avances por parte de RENFE ata a data”.

Tanto Dereito ao Tren como a Asociación de Usuarios AVE destacan “a boa sintonía alcanzada neste primeiro encontro, que marca o inicio dunha colaboración estable e coordinada entre ambas as plataformas”.

Back to top button