O Hotel Áurea Palacio de Sober acollía na mañá deste 9 de xuño unha xuntanza institucional sobre a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da Unesco, convocada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, participou esta mañá na xuntanza institucional sobre a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da UNESCO.
O encontro celebrábase co obxecto de analizar polo miúdo as valoracións recollidas no informe do Consello Internacional de Monumentos e Sitio (Icomos) e da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN). A finais do vindeiro mes de xullo, o Goberno de España defenderá a candidatura ante a reunión do 48º Comité de Patrimonio Mundial en Corea do Sur.
A xuntanza contaba coa asistencia de diversas autoridades, como o conselleiro de Cultura, o director xeral de Patrimonio Cultural, os subdelegados do Goberno en Ourense e Lugo, así como o presidente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, ademais de alcaldes deste territorio da cabalo entre as provincias de Lugo e Ourense.
Antes da xuntanza, o presidente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Luis Fernández, quen apuntaba que no informe hai “motísimas partes positivas, hoxe convócannos para que sigamos confiando, estamos completamente confiados, e vemos que o Estado e a Xunta están para que a candidatura siga adiante e nós, dende a nosa parte, seguimos ilusionados e estamos convencidos de que a próxima reunión que teñamos sexa para festexar a concesión”.
Por outra banda, Luis Fernández Guitián incidía en que contar xa cunha candidatura da Ribeira Sacra é moi positivo para o territorio e tamén o feito de ter sido declarada como Ben de Interese Cultural (BIC), “iso supuxo un antes e un despois”. E poñía en valor a posta polo territorio da iniciativa privada, “moito máis do que estaba apostando e estámolo notando. Hai investimentos por parte da Xunta de Galicia para o mantemento do noso patrimonio, pero tamén de empresas privadas que apostan pola Ribeira Sacra”.
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, analizou polo miúdo cos rexedores o informe da candidatura do Consello Internacional de Monumentos e Sitios-Icomos e da Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Precisamente, salientoulles que recolle “múltiples argumentos favorables, que convidan a Xunta e Goberno Central a manter viva a candidatura”.
En concreto, López Campos destacoulles que nesta análise valórase o estado de conservación e a protección xurídica da paisaxe cultural deste territorio, que abrangue 26 concellos das provincias de Lugo e Ourense. Así mesmo, incidiu en que Icomos salienta as iniciativas de turismo sustentable e as calidades paisaxísticas e a longa historia de interacción entre persoas, auga e paisaxe. Nesta liña, apuntoulles que gaba a importancia de elementos como os socalcos, as cavaduras, os muíños, o patrimonio monástico ou as tradicións inmateriais.
Do mesmo xeito, indicoulles que nesta avaliación tamén fai un recoñecemento á gobernanza colaborativa e a coordinación institucional, ao tempo que enxalza o esforzo realizado en todo o procedemento entre a Xunta, o Estado e os actores e entidades locais involucradas, entre as que se atopan os concellos presentes nesta xuntanza.
Por estes motivos, o conselleiro confirmoulles que a Xunta de Galicia e o Goberno central apostan por continuar traballando conxuntamente nas vindeiras semanas para “facer achegas e aclaracións precisas e defender o proxecto ata o final”. Neste senso, celebrou a implicación e colaboración do Ministerio de Cultura con este proxecto de país que supón “un reto difícil, pero no que confiamos na potencialidade deste territorio”.
Así mesmo, no encontro cos alcaldes, o titular de Cultura da Xunta aclaroulles que Icomos é un organismo consultivo da Unesco, “polo tanto informa e recomenda, pero non é vinculante”. Así, precisoulles que a avaliación da mesma dependerá do que decidan os embaixadores dos 21 países que forman parte do Comité do Patrimonio Mundial, “e dos que se debe salientar que levaron unha moi boa impresión da presentación realizada polo Goberno galego en Madrid no pasado mes de abril”.
Dende a Subdelegación do Goberno en Lugo, Olimpia López subliñaba que a Ribeira Sacra “reúne valores excepcionais desde o punto de vista cultural, paisaxístico e histórico, resultado da relación secular entre o territorio e as persoas que o habitan, que fixeron posible unha paisaxe única marcada pola viticultura e a riqueza natural dos canóns do Sil e do Miño”. E reiterou o apoio do Goberno de España á candidatura da Ribeira Sacra, un proxecto que cualificou de estratéxico pola súa capacidade para reforzar a proxección internacional de Galicia e impulsar un modelo de desenvolvemento baseado na protección do patrimonio, da identidade cultural do territorio e da paisaxe.
A subdelegada destacou tamén que “a colaboración institucional é fundamental para consolidar unha candidatura sólida e rigorosa, capaz de acadar o recoñecemento da UNESCO”. Neste sentido, puxo en valor o traballo conxunto das administracións e dos axentes do territorio para impulsar este proxecto común.
Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.
