
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, reuníanse neste 23 de outubro con representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e das catro deputacións provinciais para abordar a renovación dos convenios dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES). Ante o vencemento dos actuais acordos a finais deste ano, a proposta do Goberno galego baséase “no mantemento das melloras xa incorporadas aos convenios das catro provincias e que supuxo un incremento tanto das contías como dos efectivos”.
Concretamente, a Xunta indica que “se incrementou en 40.000 euros o financiamento de cada GES, pasando de 280.000 euros a 320.000, se aumentou a 12 efectivos os grupos inicialmente concibidos como subGES e que contan con seis, nove ou 10 persoas, e se subiu o custo de 155.000 euros ao ano dos catro servizos municipais de emerxencias en Galicia -Noia, Terras de Celanova, Ponteareas e Sanxenxo- de xeito que se asimilasen aos GES”.
Así, o goberno galego indica que na reunión desta mañá “reafirmouse o compromiso da Xunta con este servizo de emerxencias, pese a tratarse dun servizo de competencia municipal no caso dos concellos de máis de 20.000 habitantes e das deputacións nos demais casos. Así, a achega do Goberno galego na renovación dos convenios ascenderá a máis de 5,6 millóns de euros anuais, o que sigue a representar máis do 50% do gasto”.

Apoio na dotación e na formación
A maiores deste financiamento, a Administración autonómica “colabora cos concellos na dotación de equipamento cun investimento que supera os 12 millóns de euros nos últimos anos, así como na formación do persoal deste servizo de emerxencias a través da Academia Galega de Seguridade Pública. A colaboración da Xunta garante que os GES sigan prestando servizo público en materia de emerxencia, protección civil e prevención de incendios forestais”, asegura a Xunta.
Neste sentido, os grupos teñen competencia para intervir en incendios -tanto urbanos como forestais-, para definir e manter as redes de faixas de xestión da biomasa de prevención e para levar a cabo prácticas preventivas, de carácter local e a pequena escala, para crear descontinuidades da cuberta vexetal. Tamén fan prevención naqueles camiños e espazos públicos que poidan ao mesmo tempo servir de cortalumes.
Ademais, seguirán coa realización de actuacións de prevención da Vespa velutina por seguridade da poboación, tales como o control e retirada de niños, entre outras actuacións. Continuarán intervindo en situacións de risco e emerxencia para manter a rede se estradas, mediante a súa limpeza a retirada de obxectos, especialmente no caso de accidente. Tamén poderán actuar no caso de situacións derivadas de riscos naturais, nevaradas, inundacións, temporais, xeadas, choivas intensas, sismos, derrubamentos, corrementos de terra e situacións de seca, entre outros traballos.