
Dúas mocións presentadas polo BNG e unha do PP centraban en gran medida o pleno ordinario de xullo que a Corporación municipal do Barco celebraba na tarde do día 2. A primeira en debaterse era unha iniciativa do BNG para pedir “unha maior implicación do Concello cos problemas de abastecemento de auga no municipio”, que era defendida polo seu voceiro municipal, Manuel Agra.
Na súa exposición apuntaba que malia á “riqueza hídrica do municipio, paradoxalmente, máis frecuentemente do normal, veciñas e veciños de distintas aldeas teñen problemas de subministro de auga potable”. Así mesmo, indicaba que, “se en situación normal a auga da traída das aldeas pode vir turbia polas tormentas, desde hai un ano o problema agravouse tras os incendios de agosto de 2025, no que ardeu a maior parte do monte da comarca”.

Neste senso, o BNG do Barco cre que “o Concello, como administración máis próxima á veciñanza afectada por frecuentes problemas de subministro de auga potable, debe poñerse á fronte e implicarse en solucionar estas deficiencias. Non pode, o Concello, desentenderse alegando que é unha traída privada se a auga deixa de ser apta para o consumo, polo motivo que sexa, neste caso polos incendios”. E na súa parte de acordos a moción pedía a intervención do Concello en actuacións como “axuda técnica e apoio subsidiario na limpeza da captacións e no asesoramento técnico”, así como a garantía de abastecemento alternativo inmediato e unha liña de axudas económicas municipais, ademais dunha auditoría e plan de transición ao sistema público (se fose solicitado), ademais de “instar á Xunta de Galicia a executar de urxencia un plan de consolidación e reforestación do solo nas ladeiras queimadas que afectan ás concas dos ríos e regatos do municipio”.
Antes de iniciar o debate da moción, o grupo municipal do PP anunciaba unha emenda de substitución, á que a concelleira Maite Estévez daba lectura. Nela apuntábase que, malia que o PP “comparte a preocupación polos problemas de abastecemento de auga que afectan a distintos núcleos do municipio”, consideraba que “a proposta presentada incorpora actuacións de moi diversa natureza sen establecer unha orde lóxica de execución, sen definir prioridades e sen concretar a viabilidade técnica, xurídica e económica das medidas planteadas”. Ademais na súa emenda propoñía cambiar os acordos da moción inicial pola elaboración dun plan director dos servizos de abastecemento veciñais”, impulsado polo Concello do Barco; así como un “programa de actuacións prioritarias” e unha coordinación institucional.

A emenda era rexeitada polo BNG, ao considerar que as medidas que plantexaba “son moi a longo prazo, que non dicimos que non se poida facer e que non haxa que facelo, pero nós estamos pensando xa na seguinte riada e nos conseguintes arrastres” e matizaba que “a Xunta ten a competencia exclusiva do monte, os concellos teñen competencia subsidiaria, pero a súa emenda fala de que a recuperación ambiental das zonas afectadas polos incendios forestais constitúen responsabilidade compartida, e iso non é así, a responsabilidade fundamental é da Xunta”. Manuel Agra insistía en que “nós cremos que estas medidas que propoñemos son para que o Concello se poña en marcha e axuda á traída de augas das aldeas”.
A partir de aí, debatíase a moción inicial na que o PP volvía a esgrimir os mesmos argumentos que na súa emenda para xustificar a súa abstención á moción. Deseguido interviña o alcalde do Barco, Aurentino Alonso, quen expoñía a situación vivida tras os incendios e as choivas, así como as súas consecuencias. “Temos máis do 90% da poboación no concello que vive no núcleo urbano, onde a auga nun sufriu ningunha merma de calidade en todo este tempo, mesmo coas tormentas de xuño, e do 10% restante calculo que un 6% da veciñanza tampouco tivo problemas. Toda a ladeira sur, quitando ao mellor Santigoso nalgún momento, o resto que teñen captacións soterradas tampouco teñen problemas. E, na ladeira norte, Éntoma non reportou ningún problema e o resto quedan as captacións que son superficiais, que se fan tanto no Mariñán como no arroio de Forcadela que son as captacións de Vilanova, de todo Xagoaza, de Veigamuíños e da Proba, toda a ladeira norte. Aí si que houbo problemas”, recoñecía.
Acto seguido, o rexedor sinalaba que a “normativa permite que existan as comunidade de augas veciñais, polo tanto, temos que empezar por aí, os veciños teñen dereito a xestionar as súas augas, cumprindo cunha serie de requisitos e de normativa, e o que están facendo a inmensa maioría dos veciños deste municipio no rural. E aquí hai comunidades que están funcionando perfectamente e que están recibindo auga do Barco cando a necesitan e cando non a precisan xestionan a súa auga, xa teñen a súa colaboración polo Concello”.

E logo daba conta do que está facendo o Concello con relación a esta cuestión. “O Concello colaborou, colabora e colaborará con todas as comunidades de augas que xestionan as súas augas nas diferentes parroquias e núcleos do Concello do Barco e hai un contacto permanente cos pedános ou cos xestores das augas desas comunidades”. Así mesmo detallaba os proxectos e colaboracións existentes agora e nos últimos anos entre o Concello e esas comunidades, así como en limpezas e reparacións e que “a maior parte das captacións de auga están legalizadas diante da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e as que faltan están en proceso de legalización e todas están a nome do Concello”.
Por todo isto, o grupo socialista decidía votar en contra da moción. Así a iniciativa do BNG resultaba rexeitada ao contar unicamente co apoio dos tres edís do BNG.
Moción para a recuperación das bandas de música e de gaitas
A segunda iniciativa que presentaba no pleno de xullo o BNG, desta volta da man do seu concelleiro Xavier Rocha, pedía a implicación activa do Concello “para recuperar a Banda de Música do Barco e a Banda de Gaitas do Barco, deseñando para tal fin un plan estratéxico integral que garanta a súa estabilidade e permanencia no tempo”. Neste caso si saía adiante por unanimidade.
Fotos: A.R.
