ConcellosO BarcoÚltima hora

Rexeitada a moción do BNG para crear un festival de arte e música urbana no Barco

A iniciativa contaba cos 6 votos a favor dos concelleiros nacionalistas e do PP, fronte aos 8 en contra do PSdeG-PSOE

 

O Barco non terá, polo de agora, un festival de arte e música urbana. A iniciativa presentada no pleno municipal deste 4 de decembro polo BNG en forma de moción resultaba rexeitada ao votar en contra os 8 edís do partido socialista, fronte aos 6 votos do PP e BNG (tendo en conta que faltaba nesta sesión 1 concelleiro socialista, 1 nacionalista e outro do PP).

O que defendía Xavier Rocha, concelleiro do BNG do Barco, na súa moción era “a creación dun festival de arte e música urbana para a promoción dun tipo de cultura que hoxe en día non se ofrece no concello” e pensada para todas as idades e a desenvolver na contorna do río Sil. A proposta suxería a organización de actividades como “concertos de música hip hop, nu-metal, punk ou urbana, DJ´s; así como obradoiros de grafitti, de tatuaxe; Concurso de Skate amateur, Concurso de BMX (tamén de modo amateur, os concursantes realizan unha ruta no menor tempo posible), e Concurso de baloncesto 3×3. A realizar nas pistas de baloncesto das piscinas”.

Rocha indicaba tamén que “debemos considerar que a primeira edición será de tamaño pequeno, pero con idea de que o evento vaia crecendo co paso dos anos e poida pasar a ser xestionado por unha organización coma sucede con outros festivais”.

 

 

A moción era ben acollida no PP, cuxo voceiro municipal, Antonio Melo, “estamos de acordo coa idea porque parécenos algo beneficioso para O Barco, tamén nos parece moi acertada a proposta dos grafitis, e en canto ao BMX, pensamos os descensos resultan algo espectacular pero hai que ter en conta que iso implicaría cuestións como tema de seguros e tamén implicaría un investimento, pero se falamos de algo amateur sería outra cuestión, habería que darlle unha volta para ver como se pode enfocar”.

 

 

Porén, a proposta nacionalista non lograba o respaldo do grupo de goberno socialista. Así a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, sinalaba que “encantaríanos facer, non só esta proposta, senón calquera outra que abranguese disciplinas como o deporte, a música, que se puideran levar a cabo neste concello, pero isto non é pecata minuta. As contas no papel se botan moi facilmente, pero isto son moitas disciplinas e moitas actividades e o capital humano que requiría organizar un evento deste tipo é enorme”.

 

 

Pizcueta matizaba que “o Concello do Barco si estaría disposto se hai unha promoción por parte dunha ou varias asociacións ou incluso de empresas privadas que se fixeran cargo, pero para nós organizar algo así practicamente sería imposible”. E destacaba que no Barco “tanto ao longo do ano como no verán hai unha oferta cultural enorme e, polo tanto, o que ten a xente é que participar”.

Xavier Rocha respondía que a súa proposta ía enfocada a pór en marcha “algo pequeno que logo co tempo podería ir medrando”.

Fotos: O SIL.

 

Back to top button