EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Ribadavia incorpora unha Feira de Artesanía como novidade na Feira do Viño do Ribeiro 2026

A Praza Maior acollerá unha nova proposta que reforza a aposta polo produto artesanal e de proximidade

 

Ribadavia volverá converterse na fin de semana do 1 ao 3 de maio no epicentro do viño e da cultura galega coa celebración dunha nova edición da Feira do Viño do Ribeiro, que este ano incorpora como principal novidade unha Feira de Artesanía.

Este novo espazo, que busca enriquecer a experiencia das persoas visitantes e reforzar a aposta polo produto local e de calidade, instalarase na Praza Maior e contará cun máximo de 16 postos en haimas de 3×3 metros. O horario de apertura será de 11:00 a 21:00 horas durante os tres días.

A Feira de Artesanía reunirá a profesionais do sector procedentes de toda Galicia, cunha oferta variada de pezas únicas elaboradas de maneira artesanal. A organización encargará a distribución dos postos co obxectivo de garantir a diversidade de oficios e produtos, evitando a repetición de propostas similares en espazos contiguos.

“Esta iniciativa é posible grazas á disposición e compromiso do Concello de Ribadavia e o Consello Regulador DO Ribeiro, por iniciativa da Asociación Galega de Artesáns, e conta coa colaboración e financiamento da Xunta de Galicia a través da Fundación Pública Artesanía de Galicia”, segundo indican dende a organización.

Coa incorporación desta Feira de Artesanía, a Feira do Viño do Ribeiro amplía a súa proposta cultural e comercial, consolidándose como un evento de referencia que combina tradición, produto local e dinamización económica.

 

Back to top button