CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Ribas de Sil celebrará as Letras Galegas coa presentación dun libro e con música tradicional

 

O Concello de Ribas de Sil conmemora o Día das Letra Galegas 2025 cunha serie de actos que pretenden honrar o patrimonio cultural galego e a súa literatura. Este ano, de xeito especial a Real Academia Galega acordou dedicar o Día das Letras Galegas 2025 á poesía popular oral, personificado en Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas catro das Pandeireteiras de Mens (Malpica). Mulleres do noso concello teñen mostrado en distintas ocasións esta tradición oral que formou parte durante séculos da expresión da cultura popular das terras do Courel.

Ás 19:00 horas do sábado 17 de maio, no salón de actos do Concello de Ribas de Sil, terá lugar o acto principal.

A escritora Pura Tejelo presentará e asinará o libro “Vestidos de Organdí” no salón de actos da Casa do Concello de Ribas de Sil, o sábado 17 de maio, ás 19:00 horas.

Pura Tejelo, con raíces na Ribeira (Quiroga) e visitante permanente da bisbarra, ten publicadas varias obras como A elegancia do século (2017), As Horas de Hanna (2019), Novembro (2021) e Vestidos de organdí (2024). Leva escribindo, sobre todo poesía, desde a década de 1980.

En 2014 gañou o segundo premio do II Certame de Poesía en Lingua Galega Manuel María coa obra Éramos deuses entre a herba seca de agosto. En 2016 gañou o Premio de poesía Johán Carballeira co poemario A elegancia do século. Tamén publicou nas revistas Dorna e Festa da Palabra Silenciada. En 2021 o Patronato da Cultura Galega de Montevideo dedicoulle o Día da Poesía Galega na súa 29ª edición.

 

 

Estará acompañada polo profesor, compositor e cantautor quirogués Manuel R. Crespo, afincado en Vigo e fillo de Xoán Rolo, figura destacada na cultura da bisbarra na segunda metade do século pasado.

A xornada rematará coa música tradicional, grazas a colaboración da Deputación de Lugo a través do programa TRADIGALU 2025, co grupo de música tradicional Érbedo de Sober, que percorrerá a Vila de San Clodio ao rematar o acto literario.

Back to top button