CulturaCulturaÚltima hora

Ribas de Sil conmemora o “Día contra a Violencia de Xénero” con diversos actos

 

O luns 24 e o martes 25 de novembro, o Concello de Ribas de Sil conmemora o Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero, sumándose ao Pacto de Estado e a miles de persoas que, desde que en 1999 foi establecido pola ONU, queren facer visible unha lacra demostrada polos datos e que, lamentablemente, algunhas persoas pretenden negar e silenciar.

A concelleira responsable de Igualdade, Rosa María Quiñones, adianta que haberá tanto actividades de sensibilización como de prevención. Ademais, durante o luns e o martes, a fonte da praza do Concello lucirá de cor violeta en lembranza de todas as vítimas da violencia machista e como símbolo do compromiso municipal coa súa erradicación.

O propio día 25 de novembro terán lugar distintas accións de sensibilización dirixidas á poboación, comezando polo alumnado do CEIP de San Clodio, que participará nun obradoiro de chapas. Ademais, repartirase nas portas do Concello e nos establecementos diverso material que pretende denunciar a violencia e o silencio, así como amosar memoria e respecto por todas as vítimas. As 38 mulleres asasinadas en España no que vai de ano son demasiadas, tendo en conta que con que fose só unha xa sería insoportable.

O luns 24 de novembro, ás 18:30 horas, no salón de actos do Concello de Ribas de Sil, terá lugar a conferencia principal, de carácter preventivo, impartida pola coñecida psicóloga e autora de libros moi vendidos en España, María Jesús Álava Reyes. A conferencia, cunha relatora de primeiro nivel, é posible grazas á colaboración coa Asociación Pedagóxica Vagalume de Valdeorras. O seu presidente, José Fernández, estará tamén presente no acto.

A manipulación emocional, incluídos o medo e a inseguridade, é unha das principais e indesexables ferramentas do maltratador. Álava amosaranos como identificar unha persoa manipuladora para tentar evitala. Moitas veces, quen nos manipula son persoas do noso propio entorno.

María Jesús Álava é unha das psicólogas máis coñecidas do Estado, con presenza habitual en espazos de televisión e radio nos que aborda temas de educación, convivencia e benestar emocional. Ademais, colabora con numerosas empresas e institucións públicas e privadas en programas de prevención, coidado da saúde mental e mellora das relacións laborais, o que engade un valor especial á súa participación neste acto en Ribas de Sil.

Todas estas actuacións enmárcanse no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, que dota aos concellos de recursos económicos e ferramentas de coordinación institucional para avanzar na prevención, na protección das vítimas e na sensibilización social fronte a calquera forma de maltrato. O Concello de Ribas de Sil reafirma así o seu compromiso de aproveitar estes fondos e este marco común de traballo para desenvolver políticas públicas que contribúan a unha sociedade máis xusta, igualitaria e libre de violencias machistas.

Back to top button