
O Concello de Ribas de Sil súmase á conmemoración global do 5 de xuño de 2025, Día Internacional do Medio Ambiente, dando voz ás persoas máis novas do municipio.
“Durante os últimos días de maio e primeiros de xuño, o alumnado de Infantil e Primaria do CEIP de San Clodio, guiado polo seu profesorado, participou en asembleas de aula converténdose en auténticos inspectores e inspectoras ambientais. De maneira libre e creativa, reflexionaron sobre os principais problemas ambientais que detectan en San Clodio e no resto das parroquias, e transmitiron as súas preocupacións ás persoas adultas”, tal e como se indica dende o Concello.
As súas denuncias, recollidas pola directora do centro, a profesora Ángeles Méndez González, e trasladadas ao Concello, foron as seguintes:
🚯 Non tirar lixo nas rúas nin na praia fluvial.
🚭 Non fumar preto das nenas e nenos e evitar deixar cabichas nas portas dos bares ou do colexio.
🚶♀️ Usar menos o coche para os desprazamentos dentro da vila.
♻️ Non tirar plásticos ao río e empregar correctamente os colectores de reciclaxe.
Estas propostas forman parte dunha campaña de sensibilización ambiental que inspirará as accións do Concello nos vindeiros meses. O alcalde de Ribas de Sil, Roberto Castro, quere felicitar e agradecer á comunidade educativa o seu compromiso coa sustentabilidade.
A campaña visual está protagonizada por unha imaxe emblemática: a Ponte Vella, hoxe tinguidade de verde, ilustrada polo noso veciño Javier Rodríguez Sotuela, coñecido tamén no Bierzo como o cura de Matarrosa.
“Desde o Concello de Ribas de Sil reafirmamos o noso compromiso coa participación da infancia na vida pública. Apostamos por que os máis novos poidan desenvolver plenamente a súa competencia cidadá, convencidos de que a escola é o lugar máis valioso para construír o futuro de Ribas de Sil”, sinalan dende esta administración local.
