O Concello de Ribas de Sil vén de facer pública a súa xa tradicional programación de teatro —afeccionado e profesional— para as tardes de outono e Nadal 2025. En total o cartel inclúe 8 obras que chegarán cada fin de semana ao salón de actos da Casa do Concello, en San Clodio, sempre ás 18:00 horas.
“O teatro é unha das actividades con máis éxito no noso concello: o público enche a sala función tras función”, destacan dende a Concellería de Cultura, “esta programación tan ampla, nunha vila pequena, é posible grazas á colaboración do Concello de Ribas de Sil, da Deputación de Lugo (vicepresidencia), das asociacións locais Centro de Animación Rural Remansiño do Sil e Asociación de Veciños Cultural e Deportiva Remeite de San Clodio”.
No gusto polo teatro non cabe dúbida de que inflúe tamén o feito de contar cun grupo local con moitos anos de traxectoria, actualmente dirixido por Isaac Lamela, que —como non podía ser doutro xeito— forma parte da programación deste ano.
