CulturaCulturaÚltima hora

Ribas Sil presenta un Outono Cultural con 9 funcións teatrais, un novo club de lectura e actividades nas parroquias

A descentralización das actividades culturais, coa antiga Escola de Torbeo como novo escenario, e a creación dun club de lectura aberto a persoas de dentro e fóra do Xeoparque Montañas do Courel son as principais novidades

 

O Concello de Ribas de Sil vén de fai pública a súa programación cultural para o outono de 2026, que se desenvolverá durante os meses de outubro, novembro e decembro e que combina actividades xa consolidadas con novas propostas destinadas a ampliar a participación cultural da veciñanza.

O teatro volverá ocupar un lugar destacado, con nove representacións, dúas delas dirixidas ao público infantil, ás que se suman presentacións literarias, encontros veciñais, actividades de lectura e celebracións tradicionais.

A programación conta coa colaboración da Deputación de Lugo, cuxos programas culturais permiten achegar aos pequenos municipios representacións de teatro afeccionado e profesional, mediante a cooperación coa administración local e co tecido asociativo.

Unha das principais novidades deste ano é a vontade de descentralizar progresivamente as actividades culturais, levando parte da programación ás parroquias e favorecendo que novos espazos se incorporen á vida cultural do municipio.

O teatro, unha tradición que forma parte da historia de Ribas de Sil

O teatro converteuse nunha das actividades culturais con maior continuidade e aceptación en Ribas de Sil. As representacións que se celebran no salón de actos da Casa do Concello adoitan reunir un público numeroso, algo que destacan con frecuencia as compañías que visitan o municipio. Moitos dos grupos participantes comentan que non é habitual atopar localidades pequenas cunha resposta tan constante por parte da veciñanza e cun salón de actos que se enche con tanta frecuencia.

Pero esta relación de Ribas de Sil co teatro ten raíces moito máis antigas. Nunha das últimas edicións das Conversas de Verán, Manuel Cao lembrou a importancia que tivera o teatro na vida social e cultural de San Clodio ao longo do século XX. As representacións eran unha das principais formas de entretemento e convivencia, e a veciñanza participaba tanto como público como sobre o escenario. Aquela tradición, vinculada ás sociedades recreativas e á intensa actividade social que existiu en San Clodio durante boa parte do século pasado, mantense viva na actualidade.

O Concello considera que esta resposta do público é un dos principais motivos para seguir apostando polo teatro como unha actividade estable da programación municipal.

Neste outono, a oferta inclúe representacións de compañías como o Grupo de Teatro do Hospital de Lugo, A Mariña, A.T. Xa-Tá, Os Baluros, Faranduleiros de Bolmente, Viraventos, Faro-Miño e Pico do Castro, ademais dos espectáculos infantís de Loia Producións.

A cultura chega ás parroquias: Torbeo abre unha nova etapa

Unha das apostas máis destacadas da programación é a descentralización cultural, coa intención de que as actividades non se concentren exclusivamente en San Clodio e poidan chegar progresivamente a outros núcleos de poboación.

O primeiro paso darase en Torbeo, unha parroquia cun tecido veciñal especialmente activo e cunha asociación, AVETO, que vén demostrando unha importante capacidade para promover iniciativas culturais, sociais e de convivencia. A implicación da asociación e da propia veciñanza está a contribuír a transformar Torbeo nun lugar xerador de cultura, no que os habitantes non son unicamente espectadores, senón tamén promotores e protagonistas das actividades.

Durante este outono, a antiga Escola de Torbeo acollerá dúas representacións teatrais: A historia dun fidalgo, a cargo de A Mariña, o 21 de novembro, e Trato a cegas, de Pico do Castro, o 27 de decembro.

A programación da parroquia completarase co encontro e magosto Entre Bruxas, previsto para a tarde do 21 de novembro, e cunha nova iniciativa que terá continuidade durante todo o curso: o Club de Lectura da Biblioteca de Torbeo.

Nace o Club de Lectura da Biblioteca de Torbeo, unha nova proposta cultural no medio rural

Entre as novidades da programación destaca especialmente a creación do Club de Lectura da Biblioteca de Torbeo, unha iniciativa conxunta da asociación veciñal AVETO e do Concello de Ribas de Sil.

O primeiro encontro terá lugar o domingo 18 de outubro, ás 17.00 horas, na antiga Escola de Torbeo, e a actividade continuará cunha reunión mensual. As seguintes citas están previstas para o 15 de novembro e o 20 de decembro.

O funcionamento será sinxelo e participativo: en cada sesión, as persoas asistentes compartirán as súas impresións sobre o libro elixido previamente, intercambiarán interpretacións e experiencias lectoras e decidirán a seguinte obra que lerán.

A creación dun club de lectura nunha parroquia rural, fóra da capital municipal, ten un significado especial. Supón achegar unha actividade cultural estable a un núcleo de poboación pequeno, aproveitando os espazos comunitarios existentes e convertendo a lectura nun motivo para reunirse, conversar e compartir experiencias.

Ademais, o club nace cunha clara vocación de apertura.

Poderán participar todas as persoas que gocen da lectura, independentemente do seu lugar de residencia. A iniciativa está aberta á veciñanza de Ribas de Sil, Quiroga e Folgoso do Courel, os tres concellos que integran o Xeoparque Montañas do Courel, pero tamén a lectores e lectoras procedentes de calquera outro municipio.

O obxectivo é que a biblioteca e a antiga escola se convertan nun punto de encontro entre persoas de diferentes idades e procedencias, unidas polo interese polos libros.

Antonio Paz, da paixón pola lectura á creación literaria

O novo Club de Lectura estará coordinado por Antonio Paz, veciño de Torbeo e gañador da primeira edición do Concurso Literario Filomena Arias, celebrada o pasado ano.

A súa relación coa literatura comezou na infancia, cando descubriu nos libros mundos imaxinarios habitados por dragóns, cabaleiros, animais que falaban e nenos aventureiros. Aquelas primeiras lecturas espertaron nel unha fascinación polas historias que o acompañaría durante toda a vida.

Co paso dos anos, ao interese polos relatos fantásticos sumouse a curiosidade por comprender e narrar a realidade do mundo que o rodeaba. Esa inquietude levouno a estudar Xornalismo, aínda que pronto descubriu que o ritmo acelerado da actualidade informativa non encaixaba coa súa maneira de entender a escritura.

As circunstancias profesionais fixeron que comezase a traballar na sección de libraría duns grandes almacéns. Rodeado de milleiros de libros, volveu viaxar a novos mundos, descubrir épocas históricas e coñecer personaxes e historias que deixaron pegada na súa formación como lector.

De tanto ler naceu tamén a necesidade de escribir. Comezou a redactar pequenos textos nos que dar forma á súa imaxinación, expresar os seus sentimentos e compartir a súa particular maneira de observar a vida.

Esta traxectoria persoal, marcada polo amor polos libros e pola palabra escrita, será agora unha das achegas que Antonio Paz levará ao Club de Lectura de Torbeo, onde a súa experiencia como lector e escritor servirá para acompañar e dinamizar os encontros.

As festas patronais de San Clodio e a presentación de Nailía, de Loli Rodríguez

A programación de outubro inclúe tamén as tradicionais Festas Patronais de San Clodio, os días 30 e 31, que contarán cun programa específico de celebracións.

Entre as actividades culturais previstas destaca a presentación da obra Nailía, da escritora Loli Rodríguez, natural de Torbeo. O acto celebrarase o 31 de outubro, ás 18.00 horas, na Casa do Concello, e permitirá coñecer a obra da autora nun encontro que vincula a creación literaria coa identidade cultural do municipio.

A presenza de Loli Rodríguez na programación das festas patronais responde tamén á vontade de dar visibilidade ás persoas creadoras vinculadas a Ribas de Sil e de favorecer o encontro entre autores e lectores.

Unha programación para todas as idades e para todo o territorio

A programación cultural completarase con propostas de teatro infantil, entre elas A fada do saco verde, o 29 de outubro, e A boneca de trapo, o 17 de decembro, ambas a cargo de Loia Producións.

O Concello de Ribas de Sil quere agradecer especialmente a colaboración da Deputación de Lugo, das asociacións veciñais, das compañías teatrais, das persoas creadoras e de todas aquelas que, coa súa participación, contribúen a manter viva a actividade cultural do municipio.

A recuperación das antigas escolas como espazos culturais, o protagonismo das asociacións veciñais e a creación de actividades estables, como o Club de Lectura de Torbeo, forman parte desa maneira de entender a cultura como un elemento esencial para a convivencia e a dinamización do medio rural.

Back to top button