
O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra participará durante o mes de outubro en tres accións promocionais en Bilbao, Países Baixos e Lugo, co obxectivo de dar a coñecer a diversidade e calidade dos seus viños, reforzar a súa presenza en distintos mercados e apoiar a promoción das adegas inscritas.
A primeira cita terá lugar o 19 de outubro en Bilbao, coa participación en Experiencia Verema, un encontro dirixido principalmente a profesionais do sector vitivinícola que se celebrará no Hotel Carlton. A denominación presentará 22 referencias de 11 adegas, con 13 viños tintos, 8 brancos e 1 rosado, correspondentes ás anadas 2022, 2023, 2024 e 2025.
Ese mesmo día, Ribeira Sacra estará presente en Ámsterdam, dentro da acción promocional organizada pola Asociación dos Consellos Reguladores do Viño de Galicia e das Indicacións Xeográficas de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia (ACRUAGA), co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE). A iniciativa continuará o 21 de outubro en Róterdam e reunirá representantes dos consellos reguladores galegos para mostrar a diversidade e calidade dos viños e bebidas espirituosas de Galicia ante profesionais do sector.
Nestas xornadas, a D.O. Ribeira Sacra estará representada por oito adegas, con 24 mostras de viño: 16 tintos e 8 brancos, correspondentes ás anadas 2019, 2021, 2022, 2023, 2024 e 2025. A representación do Consello Regulador correrá a cargo de Ruth Fernández Vidal e Antonio Lombardía Crespo.
O calendario promocional continuará os días 25 e 26 de outubro na Feira L de Lugo, onde a denominación presentará 19 referencias de nove adegas: 12 viños tintos, 6 brancos e 1 rosado, das anadas 2022, 2023, 2024 e 2025.
En total, estas tres accións permitirán mostrar 65 referencias de viños das adegas inscritas na denominación, achegando a diversidade de Ribeira Sacra tanto aos profesionais do sector como a outros públicos interesados en coñecer os seus viños.
A participación nestes encontros forma parte do traballo de promoción do Consello Regulador para incrementar o coñecemento da D.O. Ribeira Sacra, poñer en valor a singularidade do seu territorio e a súa viticultura heroica, e contribuír a xerar novas oportunidades de visibilidade e comercialización para as súas adegas.
As tres accións promocionais servirán tamén de escaparate para presentar a nova imaxe de marca da D.O. Ribeira Sacra, desenvolvida baixo o lema «Natureza Heroica». Esta identidade representa a esencia da denominación e o esforzo de viticultores, vendimadores, adegas, distribuidores, clientes e de todas as persoas comprometidas co futuro do territorio. Un vínculo compartido que se simboliza a través dun fío vermello, elemento central da nova identidade visual, que une os seus protagonistas e transmite a singularidade de Ribeira Sacra.
A campaña desenvolveuse en colaboración con Trasgos de Caldelas, estudo de branding estratéxico e comunicación con sede no territorio e experiencia en proxectos de identidade e promoción para entidades e institucións. Esta colaboración pon en valor o talento e o coñecemento local, reforza o compromiso da denominación coa súa contorna e proxecta a marca Ribeira Sacra cara a novos mercados.