
Rural University Hub reunirá o próximo 15 de setembro a institucións, empresas e cidadanía para coñecer de primeira man un dos modelos de ecoturismo máis exitosos de América Latina e explorar as súas posibilidades na Ribeira Sacra.
San Xoán de Río acollerá o próximo martes 15 de setembro, ás 10:00 horas, no Salón de Plenos do Concello, o Foro de Sustentabilidade, Innovación e Turismo, baixo o título “Do modelo de ecoturismo de Costa Rica á Ribeira Sacra”. Esta xornada que converterá o municipio nun punto de encontro para reflexionar sobre o futuro do turismo de natureza e as oportunidades de desenvolvemento económico vinculadas ao territorio.
Organizado por Rural University Hub e o Concello de San Xoán de Río, o encontro terá como principal protagonista á familia Solano, impulsora de Selvatura Park, un dos proxectos de ecoturismo e turismo de aventura máis recoñecidos de Costa Rica e de toda América Latina.
A xornada contará cunha inauguración institucional na que participarán representantes do Concello de San Xoán de Río, do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, de Inorde e de Turismo de Galicia, entidades que colaboran nesta iniciativa orientada a explorar novas oportunidades para o territorio.
O momento central do foro será a presentación de Selvatura, da man da propia familia Solano. Desde Monteverde, Costa Rica, conseguiron transformar un territorio rural nun referente internacional do turismo de natureza, combinando conservación ambiental, valorización da paisaxe, actividade empresarial e creación de emprego.
Durante a súa intervención darán a coñecer non só a experiencia desenvolvida en Costa Rica, senón tamén a súa visión para un posible proxecto Selvatura Ribeira Sacra, unha proposta que busca analizar o potencial da comarca para desenvolver unha iniciativa inspirada no modelo costarriqueño e adaptada á realidade galega e europea.
A presenza en San Xoán de Río dunha das familias empresarias máis destacadas do sector do ecoturismo internacional supón unha oportunidade excepcional para coñecer experiencias de éxito desenvolvidas noutros territorios rurais e abrir un diálogo sobre novas fórmulas para xerar actividade económica a partir da natureza, da paisaxe e do patrimonio.
Ademais, a xornada servirá para presentar algúns dos proxectos innovadores que actualmente se están impulsando desde San Xoán de Río a través de Rural University Hub, entre eles Rural Valley, o primeiro campus de startups do rural español na primeira Startup Village recoñecida pola Unión Europea en España, unha iniciativa orientada á atracción de talento, emprendedores e empresas innovadoras ao territorio. Tamén se dará a coñecer NODO HUB SXdR, un espazo de innovación, emprendemento e colaboración que busca crear novas oportunidades económicas desde o medio rural.
Desde a organización anímase a veciños, empresarios, asociacións, profesionais do sector turístico e a todas as persoas interesadas no futuro da Ribeira Sacra a asistir a este encontro aberto ao público, no que se poderá coñecer de primeira man unha experiencia internacional de referencia e explorar novas oportunidades para o desenvolvemento do territorio.