
Esta semana, un pequeno concello da provincia de Ourense converterase durante uns días nun dos lugares máis internacionais de Galicia. Do 11 ao 14 de agosto, San Xoán de Río acollerá o festival intercultural Rural-EU, unha iniciativa financiada pola Unión Europea a través do programa CERV (Citizens, Equality, Rights and Values), que reunirá participantes procedentes de Italia, Croacia e Romanía para compartir experiencias, coñecer o territorio e reflexionar sobre o futuro das comunidades rurais europeas.
O encontro chega ademais nun momento único. O mércores 12 de agosto, San Xoán de Río será un dos lugares privilexiados da Península Ibérica para observar a eclipse total de Sol, un fenómeno astronómico excepcional que converterá o día en noite durante uns segundos e que atraerá milleiros de persoas a distintos puntos do territorio.
Durante catro días, os participantes internacionais descubrirán algúns dos espazos máis emblemáticos da contorna, como a Ribeira Sacra, o Canón do Sil ou as históricas minas romanas dos Biocos. O programa inclúe tamén actividades de convivencia, patrimonio, natureza, música tradicional galega, participación xuvenil e intercambio cultural.
A xornada máis especial será a do 12 de agosto. Ao solpor, participantes e veciñanza subirán aos Biocos para vivir xuntos a eclipse total de Sol nun dos mellores miradoiros naturais da comarca. A observación estará acompañada por actividades culturais, música e unha gran celebración comunitaria arredor dun acontecemento que non se repetirá en xeracións.
O alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez Blecua, destaca que “este proxecto demostra que o tamaño dun concello non determina a súa capacidade para liderar iniciativas internacionais. Durante uns días, Europa vai mirar cara San Xoán de Río”.
“Queremos que as persoas que nos visitan coñezan a nosa paisaxe, a nosa cultura e a nosa forma de vivir, pero tamén que os nosos veciños e veciñas participen e sexan protagonistas desta experiencia. O rural tamén pode ser un lugar onde suceden cousas extraordinarias”, sinala.
O festival forma parte do proxecto Rural-EU, unha iniciativa de cooperación europea que promove o intercambio entre territorios rurais de distintos países e fomenta a participación cidadá, a inclusión e a construción dunha identidade europea compartida desde os pequenos municipios.
Durante esta semana, San Xoán de Río converterase nun espazo de encontro entre culturas, xeracións e territorios. Un lugar onde Europa se reúne para compartir, aprender e mirar ao ceo xunta.