EconomíaEconomíaÚltima hora

Río acollerá un obradoiro participativo para reforzar o sector da castaña en Galicia no marco do proxecto Montes Vivos

 

O Concello de San Xoán de Río acollerá este xoves 27 de novembro, na Casa Consistorial, un obradoiro participativo centrado no sector da castaña en Galicia, organizado por SEO/BirdLife. Esta iniciativa forma parte do proxecto Montes Vivos, unha iniciativa demostrativa de gran alcance enfocada na compatibilización da biodiversidade coa produción forestal, co apoio do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) e da Fundación Biodiversidad, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU. O obradoiro terá lugar entre as 17:00 e as 19:00 horas.

Obxectivos do obradoiro

Realizar unha diagnose compartida da situación actual do sector da castaña, considerando os seus aspectos económicos, sociais e ambientais.

Propoñer medidas para o desenvolvemento sostible do sector, que inclúan recuperación de soutos afectados polos lumes, xestión forestal adaptada e uso de solucións baseadas na natureza (SbN).

Crear espacios de diálogo e colaboración entre axentes implicados: viveiros, produtores, empresas de transformación, comercialización, investigación, turismo e conservación.

O papel de Montes Vivos

O proxecto Montes Vivos, coordinado por SEO/BirdLife, busca activar medidas técnico-científicas en fincas demostrativas de castañeiros e avellanedares en diferentes comunidades, entre elas Galicia. O obxectivo é integrar a biodiversidade nas explotacións forestais sen sacrificar a súa función produtiva, social e ambiental.

En concreto, o proxecto promove solucións baseadas na natureza —como a creación de setos vivos, charcas, muros de pedra e caixas niño— para restaurar hábitats, favorecer a fauna e fortalecer a resiliencia ante o cambio climático.

Ademais, Montes Vivos pretende fomentar o emprego rural e a bioeconomía local por medio de modelos de negocio baseados en produtos como a castaña, a micoloxía, a apicultura e o turismo responsable.

Importancia para San Xoán de Río

Desde o Concello de San Xoán de Río sinalan que acoller este obradoiro é unha oportunidade estratéxica para o municipio: non só implica o impulso ao sector da castaña local, senón tamén a participación nun proxecto innovador que combina conservación, xeración económica e fortalecemento da comunidade rural. “É fundamental dar protagonismo ao noso territorio e traballar con visión de futuro para dinamizar a montaña galega”, destacan fontes municipais.

Inscrición

Por motivos de organización, a participación no obradoiro require confirmación previa. As persoas interesadas poden facer a inscrición por correo electrónico en seaoastadar@gmail.com ou mediante WhatsApp no 650 210 278.

Back to top button