
San Xoán de Río acollerá este venres, 21 de agosto, as Xornadas de Historia e Patrimonio, unha iniciativa promovida polo Concello de San Xoán de Río en colaboración co GDR Sil-Bibei-Navea e Agader, co obxectivo de achegar á veciñanza e aos visitantes o rico legado histórico e patrimonial do municipio.
“A xornada combinará cultura, divulgación e coñecemento sobre o terreo, ofrecendo unha oportunidade única para descubrir algúns dos episodios máis relevantes da historia local, desde os antigos asentamentos ata a intensa actividade mineira desenvolvida na época romana”, tal e como adianta o Concello.
O programa comezará ás 11:00 horas no Salón de Plenos municipal coa proxección de “A Espada de Mouruás”, unha produción audiovisual da directora Lucía Álvarez que pon en valor unha das pezas máis singulares vinculadas ao patrimonio histórico da zona.
Xa pola tarde, ás 16:45 horas, o xeólogo Eduardo González Clavijo ofrecerá a charla divulgativa “Minería de ouro romana en Galicia”, na que analizará a importancia da explotación aurífera romana e a súa influencia na configuración do territorio que hoxe ocupa San Xoán de Río e a súa contorna.
A programación concluirá ás 18:00 horas cunha visita guiada ao patrimonio local, permitindo aos asistentes coñecer directamente sobre o terreo os elementos históricos e arqueolóxicos que forman parte da identidade do concello. O punto de encontro será a Fonte de Mouruás, xunto á Pena dos Castros.
Desde o Concello de San Xoán de Río destacan a importancia de seguir promovendo actividades que contribúan á conservación e difusión do patrimonio cultural, converténdoo nun recurso de coñecemento, identidade e desenvolvemento para o medio rural.
A participación é libre e gratuíta, estando aberta tanto á veciñanza como ás persoas visitantes interesadas en descubrir a historia que permanece baixo os nosos pés.
Organizan: Concello de San Xoán de Río, GDR Sil-Bibei-Navea e Agader.
Colaboran: Sociedad Geológica Española, Lucía Álvarez e Mezzoforte 111.