
San Xoán de Río vén de converterse no primeiro municipio galego en impulsar unha “comunidade enerxética real baseada nun modelo participativo, sostible e sen investimento inicial para os veciños e veciñas. Este fito consolida unha traxectoria impecable na que o municipio se converteu nun auténtico laboratorio vivo”, tal e como informa o Concello. Así, a través do proxecto Rural University Hub, e sumado a todos os proxectos de innovación social, tecnolóxica e territorial que se viñeron desenvolvendo de forma continua nos últimos anos, o Concello logrou “tecer unha estratexia coherente e sostida no tempo que demostra o enorme potencial do medio rural para liderar a transición cara ao futuro”, tal e como informa o Concello.
A iniciativa, desenvolvida xunto a CEL Management, permitirá que os habitantes do municipio poidan abastecerse de enerxía renovable de km. 0 xerada en instalacións situadas en espazos municipais, logrando desde o primeiro momento importantes aforros na factura eléctrica sen necesidade de investimento e participando activamente nas decisións enerxéticas do seu territorio.
“Este proxecto alíñase de forma directa co modelo de Economía Social que o Concello de San Xoán de Río leva anos promovendo activamente no municipio. A comunidade que se creará baixo este proxecto constituirase xuridicamente como unha cooperativa, garantindo por lei que a enerxía e a infraestrutura serán, de xeito real e efectivo, propiedade dos propios veciños e veciñas que se sumen como membros”, segundo indica o seu alcalde, Xosé Miguel Pérez.
O modelo promovido por CEL Management, engade, “rompe coas barreiras tradicionais de acceso á enerxía renovable. Vecinos e veciñas poderán formar parte da comunidade enerxética cunha única achega simbólica de 2 euros, participando nunha estrutura plenamente democrática baixo a fórmula cooperativa, onde as decisións se toman en asemblea (“unha persoa, un voto”) e onde o beneficio colectivo e o benestar do territorio priman absolutamente sobre o interese individual”.
Cohesión social avalada en Europa
Máis aló do aforro enerxético, esta cooperativa de enerxía actúa como un motor de cohesión social, un piar fundamental na xestión de San Xoán de Río que lle valeu ao municipio este mesmo ano o Premio de Bronce nos Galardóns das Capitais Europeas da Inclusión e a Diversidade. Ao eliminar calquera barreira económica de entrada, o proxecto garante que a transición enerxética sexa xusta e inclusiva, non deixando a ninguén atrás e reforzando os lazos comunitarios no rural, tal e como se apunta dende o Concello.
Así mesmo incídise en que “este proxecto representa moito máis que unha instalación fotovoltaica. Supón un exemplo real de democratización enerxética, empoderamento cidadán e colaboración co medioambiente mediante o uso de fontes renovables e sostibles”.
A posta en marcha desta comunidade enerxética foi posible grazas á cooperación entre o Concello de San Xoán de Río, veciños, veciñas, empresas locais e profesionais especializados que traballaron conxuntamente para superar as numerosas barreiras burocráticas e administrativas que adoitan dificultar este tipo de iniciativas en España.
As instalacións previstas esperan executarse durante este mesmo ano, apoiadas na experiencia de CEL Management, entidade que xa conta con máis de 50 instalacións de comunidades enerxéticas executadas en distintas provincias a nivel nacional.
Con este novo paso, San Xoán de Río “consolida a súa posición como referente nacional de innovación rural, sustentabilidade e dereitos sociais, demostrando que os pequenos municipios poden liderar os grandes cambios do futuro desde a equidade e o cooperativismo”, resaltan dende o Concello, que ademais anima á veciñanza a informarse sobre o proxecto “e participar nesta nova etapa enerxética do municipio”.