En portadaOurenseÚltima hora

Río demostra que o rural tamén é innovación: veciñanza e talento únense no Impact Campus Galicia

 

A veciñanza de San Xoán de Río convertíase na mellor anfitrioa para máis de 120 emprendedores chegados de diferentes puntos, na primeira xornada, marcada pola convivencia, o intercambio de coñecemento e a conexión real co territorio no marco de Impact Campus Galicia, un evento que se desenvolve nesta fin de semana neste municipio e na Estación de Montaña de Manzaneda.

A través dos “Xogos de Río”, as persoas participantes tiveron que dar o primeiro paso imprescindible antes de afrontar os retos propostos —vivenda e mobilidade no rural—: coñecer á xente, escoitar, falar e entender a realidade dende dentro. Mancharse as mans.

 

 

Este primeiro día do evento deixaba imaxes e momentos de gran valor, cunha convivencia natural entre xeracións, experiencias e visións distintas, pero cun obxectivo común: construír solucións reais dende o propio territorio.

“Este tipo de iniciativas evidencian que o talento, xa sexa universitario, empresarial ou creativo, precisa conectarse coa sabedoría popular e co coñecemento que existe nos pobos para xerar un impacto verdadeiro”, indica o alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez Blecua.

Dende o Concello de San Xoán de Río valórase moi positivamente o desenvolvemento da xornada, destacando “o orgullo dunha veciñanza que volveu demostrar a súa capacidade de acollida e o seu papel clave na construción do futuro do rural”.

O evento continúa nesta fin de semana, na que se comezarán a ver os primeiros resultados dun encontro que xa está a superar todas as expectativas iniciais.

 

 

De feito, entre as persoas que interviñan na xornada deste sábado, na Estación de Montaña de Manzaneda, estaba o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, quen destacaba o traballo previsto a través de equipos multidisciplinares de cara a deseñar propostas innovadoras para o rural que poidan ser impulsadas logo por institucións e axentes do territorio.

Deste xeito, este encontro “busca conectar talento, empresa e territorio xerando espazos de colaboración interxeracional e posicionando a Galicia como unha rexión que aposta pola innovación social e o emprendemento ligado ao territorio. A convivencia concorda coa aposta do Goberno galego que se materializará na futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio de Galicia, que nace da designación de Galicia como Rexión Emprendedora Europea 2025)”, segundo Fernández.

Fotos cedidas.

Back to top button