OurenseÚltima hora

Río deseña en Italia con socios de toda Europa a folla de ruta para mellorar a vida da mocidade no rural

Este Concello participaba durante catro días en Sicilia nun encontro internacional co resto de socios do proxecto Rural EU–Connecting Rural Europe

 

O Concello de San Xoán de Río vén de participar nun encontro internacional en Palazzo Adriano (Sicilia, Italia) xunto a entidades de Italia, Croacia e Romanía, no marco do proxecto europeo Rural EU – Connecting Rural Europe, cofinanciado pola Unión Europea a través do programa CERV.

Durante catro días de traballo intenso e compartido, coordinados por unha experta da illa de Skye (Escocia), representantes dos catro países participantes deseñaron de forma conxunta unha folla de ruta clara e viable de políticas para aplicar nos territorios rurais europeos, centradas especialmente na mocidade.

Como resultado concreto, en cada país poranse en marcha proxectos piloto baseados nas conclusións comúns:

Provincia de Palermo (Sicilia, Italia) – 1,3 millóns de habitantes

Harghita (Romanía) – 330.000 habitantes

Vallis Colapis (Croacia) – 85.000 habitantes

San Xoán de Río (Galicia, España) – 520 habitantes

 

 

“O feito de que un concello de só 520 habitantes participe en igualdade con territorios moito máis grandes é”, segundo o alcalde de Río, Xosé Miguel Pérez Blecua, “un exemplo claro do que significa a Europa das persoas, onde o tamaño non importa se hai visión, traballo e compromiso”.

A folla de ruta creada en Sicilia será trasladada á Comisión Europea como proposta de referencia para o desenvolvemento de políticas xuvenís no rural, baseada na participación directa da mocidade, metodoloxías innovadoras e experiencias compartidas.

“Con esta acción, San Xoán de Río reafirma a súa posición como referente europeo no impulso de políticas de futuro para o rural galego, desde unha visión aberta, cooperativa e con voz propia no conxunto da Unión”, sinala o rexedor.

Fotos cedidas.

 

Back to top button