OurenseÚltima horaVídeos

Río, escenario clave do proxecto VoaComida, a innovación da FP galega que leva menús saudables en dron ao rural

 

San Xoán de Río acolle as probas piloto do proxecto VoaComida, presentado oficialmente pola Xunta de Galicia no marco de FP Innova 26. Este municipio ourensán foi un dos escenarios reais onde se testou esta iniciativa pioneira, que emprega aeronaves non pilotadas para levar menús equilibrados a persoas maiores que viven soas en zonas de difícil acceso, combinando tecnoloxía, sostibilidade e atención social.

O proxecto, liderado polo CIFP Manuel Antonio de Vigo, contou coa participación de oito centros de Formación Profesional e seis familias profesionais, desenvolvendo un modelo integral no que os pedidos se realizan a través dunha plataforma web e son distribuídos mediante drons ata o punto de destino, tanto en vivendas illadas como en contornas ao aire libre.

As propostas alimentarias están baseadas en criterios nutricionais saudables, con produto de proximidade e o uso de envases sostibles, integrando ademais tecnoloxías como a intelixencia artificial e novas solucións de loxística adaptadas ao territorio.

 

 

A elección de San Xoán de Río responde ás súas características demográficas e de dispersión, que o converten nun espazo idóneo para validar solucións innovadoras orientadas a mellorar a calidade de vida no rural e garantir o acceso a servizos básicos en condicións de igualdade.

Desde o Concello destácase que esta experiencia permitiu “converter o municipio nun verdadeiro laboratorio de innovación rural, onde a tecnoloxía se pon ao servizo das persoas, especialmente das máis vulnerables”. No marco do proxecto, tamén se subliña o papel protagonista do alumnado de Formación Profesional, que participou activamente no deseño e desenvolvemento das solucións. “Ao alumnado encantoulle participar, saíron da súa zona de confort e comprobaron que dos ciclos de FP saen proxectos reais”, sinala o profesor Óscar Álvarez.

“A participación nesta iniciativa reforza o posicionamento de San Xoán de Río como referente na aplicación de solucións innovadoras con impacto social real, avanzando cara a un modelo de rural máis sostible, conectado e centrado nas persoas”, asegura o seu alcalde, Xosé Miguel Pérez.

Fotos e vídeo cedidos.

 

 

Back to top button