
O Concello de San Xoán de Río acollerá o próximo 11 de maio ás 11.00 horas, no seu Salón de Plenos, a presentación oficial de Rural University Hub, un proxecto estratéxico orientado a impulsar a innovación, o emprendemento e a formación en contornas rurais, co obxectivo de atraer talento, fomentar a dixitalización e xerar oportunidades sostibles.
“Rural University Hub configúrase como un hub de innovación e formación educativa do século XXI, baseado nun modelo de innovación aberta que conectará de xeito permanente no municipio a universidades, startups,
institucións públicas e axentes do territorio. Este ecosistema permitirá desenvolver programas de capacitación, incubación de proxectos, transferencia de coñecemento e solucións innovadoras adaptadas aos retos da cuarta revolución tecnolóxica, incorporando ademais procesos de prototipado no propio territorio rural”, segundo explican dende o Concello de Río.
A través desta iniciativa, San Xoán de Río busca posicionarse “como un enclave de referencia internacional en innovación rural, cunha programación estable ao longo do ano que incluirá cursos, encontros académicos e actividades de investigación aplicada”.
A actividade do Rural University Hub arrincará cunha primeira programación intensiva durante a semana do 8 ao 12 de xuño, que incluirá tres cursos de certificación universitaria internacional e un bootcamp de emprendemento e innovación, coa participación de universidades de países como Honduras,
República Dominicana, México ou Colombia, entre outros.
O Rural University Hub representa, en opinión do alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez, “unha aposta decidida polo futuro do medio rural. Queremos situar ao noso municipio no mapa internacional da
innovación, demostrando que desde o rural tamén se pode liderar a transformación tecnolóxica e social”.
Pola súa banda, Juan Manuel Revuelta, director Xeneral da Fundación Finnova, considera que “este proxecto conecta o talento internacional coas oportunidades do territorio, facilitando o acceso a financiamento europeo e promovendo solucións innovadoras en ámbitos crave como a sustentabilidade, a economía circular ou a dixitalización”.
Así mesmo, Josu Gómez Barrutia, presidente da Asociación Internacional de Startups, subliña que “Rural University Hub é unha iniciativa pioneira que permitirá a emprendedores e startups desenvolver e testar solucións reais en contornas rurais, xerando impacto económico e social desde a innovación aberta”.