O Concello de San Xoán de Río vén de ser distinguido nesta semana co Premio ao Municipio Rural Innovador no marco das xornadas “Acuerdo Rural, liderando la transición desde los municipios rurales”, celebradas en Ourense co respaldo da Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense, a Secretaría Xeral para o Reto Demográfico e a FEMP.
O galardón foi entregado por Concepción Cedillo Tardío, presidenta da Deputación de Toledo e da Comisión de Dereitos das Persoas Maiores, Soidade e Reto Demográfico da FEMP, e recollido polo alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez Blecua.
Durante a súa intervención, Cedillo destacou que “os nosos pobos non son un problema, senón unha oportunidade; non son o pasado, senón unha parte imprescindible do futuro”, poñendo en valor a importancia de combinar as políticas públicas coa iniciativa local e a escoita activa aos alcaldes.
Pola súa banda, Xosé Miguel Pérez Blecua agradecía o recoñecemento en nome de todo o municipio e reivindicaba o traballo que dende San Xoán de Río se está a realizar para substituír o concepto de envellecemento polo de lonxevidade, apostando por un modelo rural centrado na calidade de vida, a innovación social e o benestar das persoas maiores.

“Este premio recoñece a un pobo que decidiu cambiar o relato: non se trata só de vivir máis, senón de vivir mellor. A lonxevidade é unha oportunidade para reinventar o rural e demostrar que dende o pequeno tamén se pode inspirar a Europa”, dicía Pérez Blecua.
O “Acuerdo Rural” reuniu en Ourense a alcaldes, expertos e emprendedores rurais de España, Portugal e Italia para reflexionar sobre o papel dos municipios rurais na transición ecolóxica, o reto demográfico e o reequilibrio territorial.
Con este novo recoñecemento, San Xoán de Río consolídase como referente en innovación rural e en políticas de lonxevidade activa, tanto dentro como fóra de Galicia.
Fotos cedidas.
