
San Xoán de Río vén de facerse co terceiro posto (bronce) nos Premios Capitais Europeas da Inclusión e da Diversidade 2026, situándose entre os concellos máis avanzados de Europa en políticas públicas inclusivas na categoría de menos de 50.000 habitantes. O galardón era recollido en Bruxelas por Erika González.
“Nun contexto europeo no que as grandes cidades adoitan acaparar o protagonismo, este pequeno municipio ourensán rompe o guión e sitúase como referente grazas a un modelo propio: a lonxevidade sostible no rural”, destacan dende este Concello.
Lonxe de enfoques asistencialistas, San Xoán de Río apostou “por unha estratexia clara: converter o envellecemento nunha oportunidade para xerar cohesión, dereitos e calidade de vida. Fronte ao abandono e á despoboación que sofren moitos territorios rurais, o concello construíu unha resposta baseada en feitos”, di o seu alcalde, Xosé Miguel Pérez.
E enumera eses feitos: “redes de coidados que chegan onde outros non chegan, políticas activas contra a soidade non desexada, participación real das persoas maiores na vida comunitaria, medidas de accesibilidade adaptadas a un territorio disperso e un enfoque pioneiro centrado nas mulleres maiores”.

O xurado europeo valorou precisamente esta capacidade de transformar unha debilidade estrutural nunha fortaleza, aliñando as políticas locais cos grandes retos europeos: envellecemento, igualdade e cohesión territorial.
Este logro non é casual. San Xoán de Río xa fora finalista na edición anterior co proxecto “Mulleres de Río”. Hoxe, ese traballo evoluciona e consolídase nun modelo máis ambicioso, máis estrutural e con maior impacto.
Desde o Concello sublíñase que este recoñecemento “é froito do traballo colectivo da veciñanza, das asociacións locais e do equipo municipal, e reforza o compromiso de seguir avanzando nun modelo de desenvolvemento rural centrado nas persoas”.
Este recoñecemento europeo non só pon en valor o traballo realizado, “senón que lanza unha mensaxe clara: a innovación pública non depende do tamaño, senón da capacidade de anticiparse, priorizar e actuar. San Xoán de Río xa non compite só en Galicia ou en España. Hoxe xoga na liga europea das políticas públicas que marcan o camiño”, conclúen dende o Concello.
Fotos cedidas.