ConcellosÚltima horaVídeos

Río, sede dunha xornada europea sobre prevención de lumes, sostibilidade e boas prácticas na que colabora a Deputación

Este evento, que continuará mañá, 15 de novembro, explora fontes de financiamento europeo e presenta casos de éxito en xestión sostible e prevención de incendios

 

San Xoan de Río acolle neste 14 de novembro a 1ª Xornada-Taller FIREPOCTEP+, que aborda cuestións como a sustentabilidade e a innovación na prevención de incendios forestais. Un encontro que continuará mañá venres, 15 de novembro, profundando nas fontes de financiamento europeo e coa presentación de casos de éxito en xestión sostible e prevención de incendios.

FIREPOCTEP+, cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Interreg VIN-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, busca fortalecer os sistemas de prevención e extinción de incendios forestais na área transfronteiriza entre España e Portugal.

A Fundación Finnova organizou este evento co apoio do Concello de San Xoán de Río, a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia, para reunir a beneficiarios do proxecto e actores crave. Os participantes tiveron a oportunidade de trazar a continuidade do proxecto, fomentar estratexias sostibles e explorar vías de financiamento europeo.

 

 

A xornada comezaba con entrevistas e gravacións de microvídeos dos participantes para promocionar FIREPOCTEP+ e compartir boas prácticas na rexión transfronteiriza. A apertura institucional contaba coa intervención do alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez Blecua, e do director xeral de Finnova, Juanma Revolta, quen tamén moderaron esta sección, na que participaron representantes de deputacións galegas, Xunta de Galicia, Universidade de Vigo, Protección Civil, e das administracións autonómicas de Andalucía, Extremadura e Castela e León.

 

 

Un momento destacado foi o lanzamento da primeira edición do Concurso de Vídeo e Fotografía FIREPOCTEP+, que convida os participantes a mostrar o seu compromiso coa sustentabilidade en prevención de incendios.

A Xornada-Taller foi introducida por José Manuel Requena, coordinador do proxecto na Fundación Finnova. Esta incluíu unha dinámica sesión de análise do Programa SUDOE, na que se delinearon futuras alianzas e unha folla de roteiro para a convocatoria de proxectos de 2025, orientada a expandir a colaboración entre entidades ao redor da sustentabilidade e prevención de incendios. Esta sesión estivo dirixida a socios do proxecto e posibles entidades colaboradoras.

 

 

Como broche do encontro tiña lugar un espazo de networking, onde os asistentes intercambiaron ideas e estratexias sobre sustentabilidade na xestión forestal. Este evento continuará o 15 de novembro cunha sesión formativa enfocada ás oportunidades de financiamento europeo e boas prácticas.

Fotos e vídeos: O SIL.

 

Back to top button