CulturaCulturaÚltima hora

Roberto Vila protagoniza a segunda das “Historias de vida” das Conversas de Verán de Ribas de Sil

Roberto Vila./ Cedida.

 

O Concello de Ribas de Sil continúa este xoves, 20 de agosto, coa programación das Conversas de Verán, que se desenvolven na Aula de Pesca de San Clodio. Nesta ocasión celebrarase a segunda cita da serie Historias de vida”, unha iniciativa que pretende achegar ao público as traxectorias de persoas vinculadas ás terras do Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel

Roberto Vila realizou os seus estudos de Educación Primaria e Secundaria en Quiroga, antes de continuar a súa formación universitaria. É doutor en Xeografía e a súa traxectoria profesional levouno posteriormente moi lonxe do seu Nocedo natal, aínda que pasa todos os seus veráns no Nabín.

Desde hai anos traballa como profesor de español para estranxeiros, unha profesión que lle permitiu residir e exercer a docencia en países e contextos culturais moi diferentes. Ao longo da súa carreira pasou por Rusia, Andorra e Marrocos e actualmente traballa como docente na Dubai International Academy, nos Emiratos Árabes Unidos.

A súa experiencia internacional presenta, ademais, unha particularidade que centrará unha parte importante da conversa: a proximidade con algúns dos grandes conflitos que marcaron a actualidade internacional dos últimos anos. A súa etapa en Rusia coincidiu cun período especialmente complexo na rexión pola invasión rusa de Ucraína e, máis recentemente, desde Dubai viviu de preto a escalada bélica entre Israel e Irán e a crise no Golfo Pérsico.

Nos últimos meses, situacións que desde Galicia coñecemos a través dos medios de comunicación formaron parte da súa vida cotiá. Desde a súa vivenda no barrio de JVT de Dubai chegou a observar no ceo o paso de mísiles mentres preparaba as súas clases.

A conversa permitirá así coñecer non só unha interesante traxectoria profesional, senón tamén reflexionar sobre como se viven desde dentro realidades internacionais que habitualmente percibimos desde a distancia. Ao mesmo tempo, “Historias de vida” mantén un dos seus principais obxectivos: recuperar as conexións entre as Montañas do Courel e aquelas persoas que, partindo destas terras, desenvolveron as súas vidas en diferentes lugares do mundo.

Do Nocedo a Dubai, pasando por Quiroga, Rusia, Andorra ou Marrocos, Roberto Vila compartirá experiencias, lembranzas e historias nun encontro aberto coa veciñanza.

A cita será o xoves 20 de agosto, ás 21:00 horas, na Aula de Pesca de San Clodio.

Back to top button