“Moita xente remata os cantos de taberna da Festa do Botelo no seu establecemento situado na praza Maior”, sendo todo un referente no sector da hostalaría e restauración barquense. Rosa Alonso Fernández, responsable da Taberba O Buraco recibía na mañá deste sábado 17 de xaneiro a Mención de Honra desta edición da festa gastronómica por excelencia do Barco de Valdeorras, nunha primeira parte celebrada no Teatro Lauro Olmo.

A historia do Buraco “un local pequeno e entrañable, decorado con artigos que a xente nos foi regalando, converténdose en punto de encontro, máis que de clientes, dos amigos do Buraco”, en palabras da súa propietaria e alma máter, comeza en agosto de 1988 cando abría as portas en plena praza Maior. “Cando casei viñen a vivir ao Barco, ao principio de aluguer. Cando saiu a oportunidade da casa comprámola e como tiña o local na planta baixa decidimos montar unha taberna, primeiro cun socio uns anos ata que lle compramos a súa parte e quedamos co negocio. A partir de aí non parei de traballar para sacalo adiante”, conta esta valdeorresa, natural de Larouco pero barquense de adopción, que recoñece ter traballado moito pero moi agusto, primeiro coa parella e tralo divorcio, ela soa.

“Non é fácil ser hostaleiro, sobre todo nesta última etapa, que está sendo a máis dura, pero teño desfrutado moito. Fixen moitos amigos e nese aspecto estou moi contenta”, di. Asegura que atende á xente o mellor que pode e está “satisfeita co traballo feito” nun pobo que a acolleu moi ben. “Sempre me trataron con moito cariño polo que lles estarei eternamente agradecida”, di emocionada.

Rosa herdou a afección pola cociña da súa nai, “unha gran cociñeira, e sempre me gustou experimentar”, conta, explicando que empezou poñendo un pincho gratis e como a xente era tan agradecida animábana con cada cousa nova que facía. Entre as racións máis demandadas están os pinchos morunos aos que dá un toque especial; os chipiróns á prancha; as moellas de tenreira; as bainas de calamar con fariña; empanadillas,…
Lembra que pola taberna ten pasado moitísima xente, “dende Julio Gurriarán Canalejas, Gabino Méndez, Aurelio Blanco Trincado que segue vindo, Miguel de Vilanova,… que se converteron en amigos da taberna”. Alí cantaban e Rosa con eles, escoitando historias, rindo, falando. “Con esas pandillas que viñan tomar os viños e tamén moita xuventude”. Xente da vila e tamén de diferentes partes (portugueses, alemanes, ingleses, franceses e ata xaponeses) “á que sempre intentei e intento axudar”. Non o tivo fácil a nivel persoal, pero sempre mantivo unha actitude positiva que a levou ata aquí e espera seguir ata que se xubile.
Toda unha vida adicada aos seus “amigos/ clientes” que hoxe foi recoñecida por parte do Concello do Barco. Trala proxección dun vídeo sobre a súa traxectoria no que falaba ela pero tamén xente que tivo e ten o local como punto de encontro e un sonoro aplauso por parte do público asistente, eran a concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta e o alcalde, Aurentino Alonso quenes lle entregaban a mención (un cadro da artista barquense Lola Doporto, e un ramo de flores, dando as grazas ao Concello por ter pensado nela para este acto, á súa familia, amigos e “toda a xente que me fixo sentir unha máis”.

Fotos: Mónica G. Bellver/ Carlos G. Hervella.
Vídeo: Mónica G. Bellver.

