
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo hoxe en Santiago de Compostela unha reunión con alcaldes da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Verín na que se avaliaron diferentes iniciativas para implementar melloras nos servizos de abastecemento e saneamento.
Rueda, que estivo acompañado pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, informou aos rexedores das diferentes liñas de axudas que Augas de Galicia pon á disposición dos concellos. Estas céntranse en minimizar as perdas de auga e infiltracións, a redacción de plans municipais de abastecemento, a realización de auditorías e a instalación de sistemas de saneamento autónomo para núcleos rurais illados.
Na xuntanza, así mesmo, acordouse retomar o convenio para o diagnóstico e estudo de solucións na depuración de augas residuais urbanas, que se atopaba paralizado por causas alleas á Xunta de Galicia, e seguir cooperando entre Administracións noutros eidos para dar continuidade a outros proxectos.