
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou hoxe o Centro de Coordinación Provincial de loita contra incendios de Ourense para facer un seguimento da situación na provincia. Alí anunciou que a Xunta de Galicia aprobará no primeiro Consello un paquete de axudas para os afectados polos incendios coa maior brevidade posible.
O presidente comunicou que os técnicos desta unidade analizaron as necesidades que el mesmo trasladou ao presidente do Goberno, entre as que se inclúen:
- 20 buldózers cos seus correspondentes maquinistas para movementos de terra
- 2 helicópteros ou avións para tarefas de coordinación da extinción
- 30 motobombas cos seus condutores
- 3 nodrizas de 25.000 litros para o abastecemento dos camións de extinción
- Non menos de 200 soldados para vixilancia e apoio ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado
- Brigadas de Reforzo en Incendios forestais (BRIF) de aqueles lugares que non estean afectados polos incendios forestais
Rueda referiuse á chamada recibida do xefe do Executivo, interesándose pola situación dos lumes en Galicia, conversa na que lle reiterou “a necesidade de ter máis axuda a maiores da que xa estamos a recibir e que sempre agradecemos”. Tamén agradeceu o ofrecemento do presidente do Goberno, que visitará mañá as zonas afectadas e expresou o seu desexo de que estas demandas se fagan efectivas “canto antes”.

O titular da Xunta puxo de relevo que os efectivos da Unidade Militar de Emerxencias, “moi apreciados e imprescindibles”, non son suficientes para a magnitude da vaga de incendios actual, polo que reclamou tamén a incorporación de máis medios do exército.
Na actualidade, hai doce incendios activos maiores de 20 hectáreas: dez na provincia de Ourense, un na Agolada e outro en Muxía. “Os incendios que hoxe máis nos preocupan están na zona do Ribeiro e na zona de Larouco, onde se están decretando diversos confinamentos e para iso fai falta bastante persoal e polo tanto pedimos estes soldados a maiores”, informou.
O presidente incidiu na necesidade de poñer en marcha canto antes axudas específicas para as persoas afectadas polos lumes, ao considerar que “xa resultan absolutamente imprescindibles”. Neste sentido, explicou que a Xunta está a arbitrar medidas para que os gandeiros que perderon pastos e animais poidan dispoñer de inmediato de alimento, forraxe e penso para o seu gando, ao tempo que agarda contar co apoio do Goberno central para o impulso destas axudas. “Estamos a traballar para que isto sexa posible de xeito practicamente inmediato e así darlle un respiro a toda esa xente que perdeu os seus bens”, subliñou.
Finalmente, Rueda destacou que o Goberno galego estará “á altura da gravidade da situación e das perdas sufridas” e que dará unha resposta inmediata ás necesidades das persoas e sectores afectados.