SanidadeÚltima hora

Rueda anuncia un proxecto de humanización dos hospitais de día oncohematolóxicos

A Xunta reserva 1,5 millóns de euros nos orzamentos do próximo ano para actuar nos espazos de Santiago de Compostela, Ferrol, Ourense e Vigo

 

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciaba hoxe que o Goberno galego acometerá un proxecto de humanización das salas de espera dos hospitais de día oncohematolóxigos galegos. “O obxectivo é facer que o tempo de espera durante o tratamento sexa máis agradable, nun entorno amable, no que ter máis espazo e comodidade”, indicou.

Nunha visita ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS), na que estivo acompañado polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, así como pola xerente da área sanitaria, Eloína Núñez, e polo responsable de Oncoloxía, o doutor valdeorrés Rafael López, entre outras persoas, o titular do Executivo galego indicaba que a humanización de espazos destinados aos doentes “non é unha opción, senón que constitúe unha peza fundamental da atención sanitaria”. Nesta liña salientou o obxectivo da Xunta de avanzar cara “unha medicina o máis humanizada posible” xa que “a medicina sempre se destina a persoas e, por iso, cómpre ter sempre presentes aos doentes e os seus acompañantes á hora de tomar decisións no sistema sanitario”.

 

 

Para avanzar nese obxectivo, os orzamentos do próximo ano reservan 1,5 millóns de euros para habilitar melloras nas salas de espera que empregan os pacientes que acoden a tratamentos de quimioterapia en Santiago de Compostela, Ferrol, Ourense e Vigo. Con ese investimento, ampliaranse espazos, como en Santiago, ademais de instalar novo mobiliario e deseñar unha estética agradable. Tal e como explicou Rueda, estas melloras xa se acometeron na Coruña e Lugo, e en Pontevedra incluiranse no novo hospital que se está construíndo.

Deste xeito, o Goberno galego segue avanzando na súa estratexia de humanización da sanidade galega, como se está facendo tamén na adaptación de todas as UCIs galegas para que conten con cubículos individuais que garantan un entorno máis humanizado e íntimo.

Artigos relacionados

Back to top button