O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participaba hoxe na apertura da primeira edición de Stonegal en Vigo, un novo encontro profesional que nace coa vocación de converterse nun referente para o sector da pedra natural en Galicia. Rueda, que estaba acompañado por numerosas autoridades, entre elas a conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, destacaba a importancia desta industria, clave na economía galega, e salientou a aposta da Xunta por apoiar “proxectos de minaría sostible”.
Ademais referíase aos “magníficos recursos mineiros” de Galicia que fan desta comunidade “unha potencia” no sector e, dentro deles, fixo especial fincapé na importancia tanto económica como cultural do traballo coa pedra. “Galicia é pedra e auga. A pedra é algo que nos identifica, hai tradición de traballar e vivir da pedra desde hai séculos e se trata dunha das fontes da nosa economía”, salientou Rueda, que asegurou que este sector xera riqueza en toda a contorna, “na extracción, transformación ou na construción”.

Os últimos datos da Estatística Mineira de 2023 revelan o peso da industria mineira en Galicia. A comunidade representa o 9,5% da produción mineira a nivel estatal e lidera a produción de granito e lousa, con máis da metade das explotacións nacionais de lousa ornamental. En lugares como Valdeorras e O Porriño, a actividade mineira non só destaca pola calidade do material, senón tamén pola capacidade de xeración de emprego, cun total de 3.711 traballadores directos no sector e máis de 2.400 dedicados especificamente á pedra natural, dos cales preto dun 25% son mulleres.
Galicia ocupa tamén o primeiro posto en valor de produción de pedra ornamental, con case o 42% do total estatal e máis de 450 millóns de euros xerados en 2023. Ante estas cifras, o titular do Goberno galego reafirmou a aposta da Xunta por garantir un aproveitamento ordenado, sustentable e beneficioso para o territorio dos seus recursos naturais.

Medidas de promoción do sector mineiro
O Parlamento aprobou recentemente a Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que empregan recursos naturais galegos, co obxectivo de asegurar que a riqueza xerada fique no territorio. Ademais, a Xunta levou a cabo a recuperación do Consello da Minería de Galicia e á creación da figura dos concellos mineiros, que permiten canalizar accións como a formación, a recuperación ambiental ou o fomento do termalismo.
Así mesmo, Rueda puxo en valor “a Axenda de Impulso da Minería Sostible 2030”, que será actualizada proximamente para adaptarse ao novo contexto económico e ás demandas do sector. Como apoio a este proceso, lembrou que a Xunta mantén aberta unha liña de axudas dotada con 2,4 millóns de euros para fomentar a sustentabilidade das empresas mineiras, con achegas que poden chegar aos 100.000 euros por proxecto.
Durante o acto institucional, interviñan, ademais de Rueda, o director de Stonegal, Alejandro Miras, e o secretario xeral da Agrupación industrial do Granito, José Ángel Lorenzo, acompañados polo alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo; Luisa Sánchez, vicepresidenta da Deputación de Pontevedra e o director institucional de Abanca, José Manuel Nogueira.
Feira internacional da pedra natural
Stonegal 2025 reúne a máis dun cento de expositores nacionais e internacionais, incluíndo delegacións procedentes de Emiratos Árabes Unidos, Italia, Sudáfrica, Turquía ou Portugal, e consolídase como un escaparate de referencia en innovación, deseño, sustentabilidade e proxección internacional da pedra natural galega.
“Hoxe inauguramos moito máis que unha feira: abrimos as portas a un proxecto que nace coa vocación de consolidarse como un gran punto de encontro internacional para todos os axentes que formamos parte do ecosistema da pedra natural. Stonegal quere ser unha plataforma de visibilidade, de diálogo, de colaboración e de crecemento. Un espazo onde mostrar o mellor da nosa industria, pero tamén onde construír relacións, abrir mercados e explorar novas formas de aplicar a pedra na arquitectura, o deseño e o urbanismo. Galicia ten moito que dicir neste ámbito e desde Stonegal queremos ser o seu altofalante no mundo”, subliñou Alejandro Miras, director de Stonegal.

“A celebración desta primeira edición de Stonegal representa un fito colectivo para todo o sector. Logramos reunir aquí a empresas líderes, prescritores internacionais, arquitectos de referencia, institucións e profesionais que comparten unha mesma visión: a pedra natural galega é un material de presente e de futuro. Galicia sitúase, con esta cita, como un polo de excelencia, innovación e sustentabilidade. Desde o Clúsetr do Granito estamos profundamente orgullosos de contribuír a esta aposta conxunta e convencidos de que esta feira marcará un antes e un despois na proxección internacional do noso sector”, destacaba José Ángel Lorenzo, secretario xeral do Clúster do Granito.
O espazo expositivo de Stonegal conta con máis de 15.000 m² dedicados a presentar as últimas novidades en extracción, transformación, deseño, aplicacións arquitectónicas e solucións técnicas vinculadas á pedra natural. Empresas líderes en granito, mármore, lousa e tecnoloxías afíns mostrarán o seu potencial en ámbitos como a edificación, o deseño urbano, o mobiliario ou a exportación.
A feira contará con representación de firmas galegas e españolas, así como empresas internacionais de Emiratos Árabes Unidos, Italia, Portugal ou Francia. Todo iso converte a Vigo no epicentro da pedra natural durante tres días.

Arquitectura, sustentabilidade e deseño en pedra
Paralelamente á feira, o STONEGAL SUMMIT 2025 reunirá a recoñecidos arquitectos, deseñadores e expertos internacionais en sustentabilidade para debater sobre o presente e futuro do uso da pedra natural na arquitectura e a construción. Entre os relatores destacan figuras como Eduardo Souto de Moura, Premio Pritzker de Arquitectura; Carmen Pinós, referente da arquitectura mediterránea con obra internacional; e Belén Moneo, arquitecta e deseñadora que concibiu unha instalación específica para o evento.
O programa inclúe mesas redondas, relatorios e casos de estudo ao redor de temáticas como a arquitectura sostible, a circularidade dos materiais, a rexeneración urbana e o papel do granito nas novas linguaxes do deseño. Un espazo para a reflexión, o intercambio de ideas e a conexión entre prescritores e profesionais do sector.
Stone Gala e Premios Arquitecto Antonio Palacios
Uno dos momentos máis emotivos e simbólicos de STONEGAL será a STONE GALA, a gala de celebración do sector que terá lugar o mércores 4 de xuño nun enclave único vinculado á industria do granito.
No marco da gala entregarase o Premio Arquitecto Antonio Palacios, un galardón creado para recoñecer a profesionais e traxectorias que contribuíron a prestixiar o uso da pedra natural na arquitectura e o urbanismo contemporáneo. Un tributo ao legado do gran arquitecto galego e ao futuro do deseño con pedra.
Fotos: Carlos G. Hervella.
