O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, sinalaba esta mañá, durante unha visita ao Centro de Coordinación Central de Defensa contra os Incendios Forestais en Santiago de Compostela que, desde que comezou o mes de agosto, se están extinguindo polos servizos da Xunta de Galicia “arredor de 30 ou 35 lumes diarios”, o que supón “uns 250 máis dos que houbo que extinguir no mesmo período do ano pasado”.
Rueda, que estivo acompañado polo conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, indicou que isto require “un esforzo moi importante”, polo que agradeceu “o traballo que están facendo os miles de profesionais”, así como “a colaboración de todas as administracións, e a Unidade Militar de Emerxencias (UME), que está botando unha man fundamental”.
O presidente autonómico tamén resaltou “o civismo da poboación que se ve afectada”, e fixo un chamamento á prudencia e á responsabilidade, lembrando que “nos próximos días e durante a fin de semana vanse manter sobre todo na provincia de Ourense temperaturas aínda moi altas”, polo que “a situación vai seguir sendo moi complicada”.
“Isto é unha tarefa de todos”, salientou o responsable do Executivo autonómico, que agarda que esta situación “que se está producindo tamén en moitas comunidades autónomas pase canto antes ou polo menos baixe a súa intensidade”. Rueda lembrou que moitos dos incendios son provocados e advertiu de que “seremos implacables” coas persoas que os prenden “con todos os medios que temos” e que serán “postos á disposición da Xustiza”.