EconomíaEconomíaÚltima hora

Rueda visita a explotación gandeira en extensivo de Mario Nogueira en Quiroga, afectada polo lume

Conta con máis de 200 cabeza de gando, entre as que se inclúen exemplares da raza autóctona cachena. E nela o lume provocaba importantes perdas en pastos e forraxe

 

 

“É fundamental escoitar a quen realmente sabe, os que viven do monte e no monte. Son os que coñecen perfectamente o que pasa, por que pasa, como se pode facer para evitalo ou que causen o menor dano posible. Así que eu veño tamén para escoitar”, dicía o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante a visita á explotación gandeira en extensivo do valdeorrés Mario Nogueira, en Quiroga, que vía gravemente afectada polo incendio que se iniciaba en Seadur (Larouco) e que logo se estendía polo resto da comarca de Valdeorras e entraba en Quiroga, converténdose no maior da historia de Galicia, con preto de 32.000 hectáreas.

Alfonso Rueda, acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez Rodríguez, e por outras autoridades como o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias; e o alcade de Quiroga, José Luis Rivera.

A explotación do gandeiro Mario Nogueira en Quiroga conta con máis de 200 cabeza de gando, entre as que se inclúen exemplares da raza autóctona cachena. E nela o lume provocaba importantes perdas en pastos e forraxe. Neste senso o presidente da Xunta apuntaba que o goberno galego habilitou un mecanismo de urxencia para garantir alimento ao gando, que permitiu repartir máis de 93 toneladas de forraxe en 15 concellos, entre elas, pacas, rolos e tráilers de herba seca e palla.

No marco do paquete de apoio da Consellería de Medio Rural, puxéronse en marcha liñas de axuda distintas, que cobren o 100% do investimento cun límite de 200.000 euros por persoa e con posibilidade de acceder a varias delas: “Esa axuda que xa empezamos a dar desde o primeiro momento foi fundamental. Agora toca facer unha avaliación máis polo miúdo e que os gandeiros poidan solicitar as axudas, que chegan hasta os 200.000 euros”, salientou Rueda.

 

 

 

O titular do Goberno galego aproveitou a visita para poñer en valor a gandería en extensivo como modelo sostible, con futuro e clave para a protección do territorio fronte aos incendios, e lembrou que os pasteiros actúan como barreiras naturais. Neste senso, o Plan de Pastos de Galicia leva mobilizadas desde 2020 máis de 1.930 hectáreas en 80 pasteiros, cun investimento de preto de 10,5 millóns de euros, ás que este ano se suman outras 519 hectáreas en 26 novos pastizais, cun orzamento adicional de 4 millóns: “Hai que vivir e hai que explotar economicamente. É unha boa ocasión para que as cousas que poden funcionar mellor, o fagan”, remarcou.

Tamén fixo fincapé na importancia das razas autóctonas, como a vaca cachena, que considerou patrimonio cultural e identitario de Galicia. Este ano púxose en marcha por primeira vez unha orde de subvencións específicas para apoiar a recría de razas autóctonas ameazadas, cun investimento de 390.000 euros, así como convenios asinados con distintas entidades que supoñen un investimento conxunto de máis de 2,5 millóns de euros para a súa conservación, recuperación e fomento.

Ademais, subliñou que Galicia non pode entenderse sen o seu rural nin sen as persoas que manteñen vivas as tradicións e, ao mesmo tempo, impulsan un futuro sostible e innovador, como nesta explotación. “Este é un gran exemplo de empresa familiar”, dicía referíndose á gandería de Mario Nogueira, que na visita estaba acompañado pola súa muller e o seu fillo, “eu agardo que isto se consolide e que os fillos deixen pequenos aos pais. Que todo o que fixeron o fagan aínda mellor e con novas ideas e dando máis vida a esta gran zona de Galicia que temos que preservar”, remataba o presidente.

Lume./ FB Mario Nogueira.

 

Unha gandería que nacía hai 23 anos, tras outro incendio en Quiroga

En medio da devastación do incendio a Gandería de Mario Nogueira deixa esta imaxe de esperanza, que compartían recentemente nas redes sociais: a de Lume, esta xatiña. “Tócolle nacer no km 0 do maior incendio da historia de españa 30.000 hectáras. Chámase Lume e, se non lle pasa nada, será unha futura nai”, nesta ganadería, que recoñece o duro golpe que supuxo para a explotación familiar este terrible duro.

“Será dificil pero sairemos adiante”, asegura Mario Nogueira a través das redes sociais, lembrando que este proxecto familiar botaba a andar precisamente hai 23 anos despois doutro incendio, o do 2002 nesta zona. Foron “23 anos de loita (media vida ) agora non nos faltan motivos, pero non é o momento de abandonar, son gandeiro por vocacion e co apoio da miña familia dos meus amigos dos meus veciñosm da empresa na que traballo e da que formo parte,cdun proxecto que defende o medio rural e as razas autoctonas , sairemos adiante”, sinala Nogueira.

Aínda así recoñece que o inverno vai ser un momento complexo para a explotación. “Quédanos un duro inverno, pero pronto virá unha nova primavera que lle dará o verde típico á miña terra”.

Fotos cedidas.

Back to top button