Ata o posto de mando avanzado do incendio en Quiroga desprazábase esta mañá o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, onde se reunía cos responsables do operativo de loita contra o lume e tamén co alcalde de Quiroga, José Luis Rivera, o concelleiro de Medio Ambiente e Emerxencias Luis Manuel Arias, e a alcaldesa de Folgoso de Courel, Lola Castro.
Este incendio, que se orixinaba en Seadur (Larouco) e entraba hai xa sete días neste municipio lucense. O alcalde de Quiroga, José Luis Rivera, agradecía a presenza dos medios de comunicación para darlle visibilidade ao desastre que está deixando o incendio ao seu paso e tamén a dos responsables da Xunta.

Pola súa banda, o presidente do goberno galego lembraba que este 21 de agosto é o décimo día dende que declarara a Situación 2 na provincia de Ourense, de onde entraba este incendio, que “é dos que máis nos preocupou no seu momento e dos que máis nos sigue preocupando”.
O lume afecta xa a unha superficie estimada de máis de 30.000 hectáreas e, nestes momentos, segundo avanzaba Rueda, “aínda que queda aún traballo, xa se está en traballos de perímetros, o seguinte paso é estabilizar o incendio”. Así mesmo agradeceu o labor do conxunto de persoas que están a traballar para tratar de extinguir este lume.
O mandatario galego quixo ser prudente a hora de falar dunha posible estabilización deste lume, xa que segundo lle comentaron os técnicos, as altas temperaturas que se agardan para esta tarde, superiores a 30 graos, non van a axudar, nin hoxe nin de cara a fin de semana. Por tanto,hai que ser cautos, pero parece que a desescalada pode estar preto, aínda que queda moito por facer.
Rueda volveu a agradecer o esforzo e o traballo das persoas e os efectivos que traballan nos incendios: persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia, Forzas e corpos de seguridade do Estado, voluntarios de Protección Civil, UME, brigadas municipais, bombeiros dos consorcios provinciais e cidade. Nesta liña, tamén deu as grazas “aos bombeiros que foron enviados desde outras CCAA”.
No remate da súa intervención, o presidente da Xunta afirmou que “ogallá tardemos en volver a vernos nunha situación así” e asegurou que “a situación móvenos ao optimismo, pero temos que seguir traballando sen baixar a garda”.
Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.
